A auga da Coruña perde o L

Emalcsa vai utilizar a partir de agora a marca comercial ‘Augas da Coruña’, pndo fin así á deturpación do nome da cidade nesta empresa.

emalcsa

A Empresa Municipal Aguas de La Coruña S.A. (Emalcsa, o seu nome aínda oficial) vai utilizar a partir de agora a denominación “Augas da Coruña” como marca comercial. Ponse fin así á deturpación do nome da cidade nesta compañía.

“Hai xa ben tempo que solicitamos formalmente que Emalcsa adoptase a súa denominación en galego e, por tanto, retirase da súa razón social a forma deturpada do topónimo da cidade para asumir a forma galega, a única lexítima e legal. Celebramos que o noso impulso a prol da normalización lingüística comece a dar froitos tamén na empresa de augas da Coruña”, sinalou Francisco Jorquera, portavoz do BNG en María Pita.

Emalcsa reuniu esta terza o seu Consello de Administración e no capítulo de varios informouse aos grupos municipais sobre esta decisión da empresa.

“Este é un paso adiante que valoramos e que por suposto debe completarse coa mudanza da razón social para respectarmos a legalidade lingüística. É unha cuestión de xustiza elemental e de dignidade”, di Jorquera. “Tal e como fixemos ao impulsarmos a Ordenanza do Galego, continuaremos a defender no Concello medidas que na práctica vaian tornando normal o uso da nosa lingua en todos os ámbitos da nosa cidade”, conclúe.

Comentarios