Atrancos do Concello de Boiro poñen en risco a continuidade de Aturuxo, espazo autoxestionado de defensa do galego

Soci@s do local social e veciñanza do Barbanza impulsan a campaña ‘Aturuxo non se pecha. A cultura non se pecha’ contra o que califican de “ataque directo ao asociacionismo cultural e á cultura e lingua galega”
Campña contra o peche do Aturuxo
photo_camera Campaña contra o peche do Aturuxo

O Aturuxo é un local social autoxestionado que abrollou hai cinco anos en Boiro da man dun grupo de rapaces e rapazas da comarca do Barbanza, e tendo coma finalidade principal, segundo eles e elas mesmas expresan, “a dignificación e o espallamento da lingua e cultura galegas, a libre expresión e o movemento social ante a desgaleguización que sofre o país en xeral e zona na que vivimos en concreto, loitar contra das inxustizas sociais... e ofrecer tamén unha alternativa lúdica á que nos ten acostumad@s esta sociedade de consumo”.

Este proxecto, asembleario e sen ánimo de lucro, que leva anos a realizar unha manchea de actividades e iniciativas (palestras, concertos, exposicións, roteiros,... entre outras moitas) e que se financia coas achegas d@s soci@s e sen axudas das administracións; ve a sua continuidade en perigo. “Denunciamos o intento de peche do Local Social Aturuxo por parte do goberno do PP local e a hipocrisía que de esta situación se desprende”, sinalan.

Atrancos

Nun comunicado, Aturuxo informa que o Concello de Boiro “exixenos agora, baixo o paraugas normativo, a ’reposición da legalidade urbanística’’. Ou obtemos a licenza que eles queren ou pechan o Local Social. A licenza en cuestión é a de café-concerto, imposíbel de obter no noso concello, ao estar restrinxidas o número de licenzas deste tipo. Fica demostrado a ignorancia do PP ao indentificar directamente cultura con ‘cafe-concerto’’ como única posibilidade de licenza para o Local Social”.

E esta exixencia vén despois de que o goberno local xa puxera outros ‘atrancos’. Como eles mesmos lembran, existe “unha nula vontade do concello de que as nosas actividades se realicen con normalidade”

Sinaturas

A asemblea do Aturuxo comezou esta fin de semana unha campaña de recollida de sinaturas e e non descartan a “mobilización social na rúa” para protestar pola actitude do goberno local. Alén disto, remitiron unha carta ao Concello, na que lle piden “que se retracte e deteña o que consideramos un ataque directo ao asociativismo cultural, á cultura e lingua galega. O intento de peche dun espazo cultural e autoxestionado é un desprezo evidente a tódalas persoas que traballamos gratuitamente pola nosa cultura e para toda a veciñanza de Boiro e da comarca do Barbanza”.

Comentarios