venres 30/10/20

A Asociación de Tradutores e Intérpretes premia a Numax polo impulso do galego

O proxecto colaborativo nado en Compostela atende á lingua do país e fornece un coñecemento da profesión de tradutora. É a terceira edición deste galardón.
sala-numax-03
Imaxe da sala de cine compostelá. (Foto: Numax)

O proxecto cooperativo Numax foi premiado hoxe co III Premio Xela Arias que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) pola súa posta en valor da lingua galega.

Trátase dun galardón simbólico dirixo a entidades, persoas ou compañías que destaquen pola promoción da labor das tradutoras e intérpretes do galego a outro idioma e viceversa.

Nesta ocasión o xurado decidiu recoñecer o labor de Numax a prol de dar a coñecer a profesión e “pór en valor o galego como lingua de traballo”.

Para a entidade promotora é preciso destacar que esta iniciativa de cooperación é, desde as súas orixes, un proxecto que “aposta no galego, procurando úsalo como lingua de divulgación do audiovisual”.

De feito, na sala de cinema poden apreciarse filmes no idioma e tamén se emprega no programa destinado ás crianzas “Numax na escola”.

Ademais, destacan que nos créditos sempre aparecen os nomes das persoas profesionais da tradución.

Na primeira edición foi recoñecido o traballo da tradutora María Alonso Seisdedos. O ano pasado o premio foi a parar á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

comentarios