xoves 02.07.2020
Twitter

Así falan no Bierzo

O modelo de contas de twitter «Así falamos en...» ten unha nova adhesión: o Bierzo. A comarca leonesa xa ten un novo espazo na rede para difusión do galego propio da zona.
[Foto: wikipedia] Vista panorámica de Santalla del Bierzo
[Foto: wikipedia] Vista panorámica de Santalla del Bierzo

«Carrasco» lle chaman no Bierzo ao que noutras zonas se coñece como «angazo» ou «enciño» en galego, «rastru» en leonés. Con esta palabra inauguraba a conta de Twitter Así falan no Bierzo a súa actividade, centrada en difundir a variedade de formas dialectais existentes e contribuír á súa lexitimación e coñecemento, en colaboración con outras como as do Morrazo ou a Mariña.

Así, segundo comentan, no norte do Bierzo, cara aos Ancares, maniféstase tamén a gheada como trazo dialectal. Tamén reivindican, por exemplo, a pronuncia tradicional do «z» (etimolóxico) como [ð], igual que o «d» intervogálico. Pódese ouvir sobre todo entre a xente maior do concello de Corullón. Esta pronuncia, presente na Baixa Limia (Ourense), en Sanabria e no Eo-Navia, existe tamén na lingua asturleonesa.

comentarios