COMO DICILO?

Area

Praia das Catedrais
photo_camera Area ou areeiro, a denominación antiga para o espazo natural que agora chamamos praia

A area é un conxunto de partículas de orixe mineral, aínda que tamén pode referirse a unha partícula ou a algunhas por separado. E en sentido figurado, falamos de unha area ou unhas areas  para partículas doutras materias dicindo, por exemplo unhas areíñas de sal. Neste sentido, unha area aplícase a unha cantidade insignificante: non val unha area.

Resulta incómodo que se nos metan areas nos zapatos, pois dificulta andar ben, e de aí procede a frase poñerlle areas nos zapatos a alguén, é dicir poñerlle atrancos e dificultades. E en sentido irónico dise de alguén que, por ter bebido viño, camiña con dificultade: leva unha areíña.

Dun labor imposíbel dicimos que é como contar as areas do mar

Andar coa area no zoco é sinónimo de ‘desconfiar’. Vén sendo como o español Andar con la mosca tras la oreja.

E se unha area é algo minúsculo, o conxunto, a area é, pola contra, pode ser unha extensión moi grande, que usamos para caracterizar a abundancia de algo: como area. Poderemos escoitar así frases como: Había xente como area.

A area aparece tamén nun contexto negativo dada a súa pouca consistencia e firmeza como alicerce. Dicimos así que é construír na area, sementar na area ou escribir na area, un labor que non se ten e que vai durar pouco.

Area ou areeiro semella a denominación antiga do que hoxe denominamos como praia. A denominación consérvana un elevado número delas, aludindo á súa extensión (Area Longa, Area Grande, Area Pequena, Area Maior…), ás características da area (Area Blanca, Area Brava, Area Basta, Area Milla, Area Triga, Area Doce, Areíña…) ou dalgunha localización específica (Area Alta, Area da Balea, Area Cova, Area do Porto, Area da Vila, Area da Cruz, Area da Agra…) ou outras circunstancias (Canto da Area, Area da Fame, Area das Vacas…). Subliñemos que a praia mundialmente coñecida que une a illa do Faro coa illa de Monte Agudo, nas Cíes, chámase Area das Rodas.

E velaí unha cantiga que sen dúbida vén de moi atrás :

O mariñeiro ao domingo

bo zapato e boa media,

e ao luns pola mañán 

vai descalzo pola area

Comentarios