PALABRAS CON MEMORIA

Aquí nada bo vas atopar, pero do malo, variado

photo_camera Nos colectivos humanos sempre hai alguén rin ou malataxado

Achumbeirar.- Morrer, aínda que se adoita empregar cando se produce de repente.

Lugar de escoita.- Sta. Euxea – Guntín (Lugo)

Fonte.- Elisa Lama Mourenza (por medio de Mª Xesús Lama López).

Enfexo/a (estar).- (Ademais de significados xa rexistrados) Sensación de incomodidade corporal producida, por exemplo, por algunha prenda que nos causa proído.

Exemplo: "Hoxe a nena ta mui enfexa, voulle sacar a chaqueta de lá, que se cadra lle dá alerxia".

Lugar de escoita.- Samos- Sarria – O Incio

Fonte.- Carmen Moreira Vazquez e Laura Cereijido (Endl de Navia de Suarna).

Esgarrafetar.- pelexar.

Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.

Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas/ [email protected]

Malataxado/a.- Persoa mal amañada, mal vestida ou vestida sen xeito.

Exemplo: “Vístete como é debido, non me saias á rúa tan malataxado como andas pola casa”.

Lugar de escoita.- A Mariña (Lugo).

Fonte.- Isidro Novo.

Mirfas, poñer en.- Poñer algo (ou alguén) en anacos; esnaquizalo.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Rin/riña.- Malo/a, ruín.

Exemplo: “Ela é tan riña, coma el rin”.

Lugar de escoita.- Prebello, concello de Navia de Suarna, bisbarra dos Ancares.

Fonte.- Balonga Prebello.

Tronzón.- (Ademais de significados xa rexistrados) Especie de ataque que lles produce a morte ás bestas.

Lugar de escoita.- Servia (Lousame).

Fonte.- CPI de Lousame.

.............................................................................................................................................

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.