Apego: 2.000 familias (e medrando) a sumar infancia para o galego

O proxecto, que xa suma 23 concellos e máis de 2.000 familias, fai unha ‘paradinha’ esta sexta feira en Ames para avaliarse, coordinarse e coller novos pulos e impulsos.

apego
photo_camera Imaxe: Apego

Apego naceu en 2015 co apoio de 12 concellos. Naceu como un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Hoxe en día xa son 23 os concellos implicados, que suman unha poboación de por volta do millón de habitantes. Son 2.000 as familias que se implican e pertencen a esta iniciativa.

Esta sexta feira, en Bertamiráns (Ames), haberá unha xuntanza de avaliación, coordinación e impulso do proxecto.  Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos impulsores de Apego sinalan que se fai unha avaliación “moi positiva”, tanto pola acollida do programa, como pola participación en actividades, polo número de familias implicadas ou os recursos creados. Mais que, lonxe de conformismos, indican, “cómpre mellorar a coordinación e as accións”.

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que arroupar e socializar o galego entre as crianzas. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.). De cara a 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa. 

Comentarios