O Apalpador entrega 10.000 sinaturas en defensa do galego

A figura central do Nadal, o Apalpador, entregou na Delegación do Goberno español na Coruña as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística a prol da igualdade do galego na Lei do audiovisual. As persoas asinantes reclaman que se respecte o acordado no Parlamento.
O Apalpador na concentración despois da entrega das sinaturas da Mesa (Nós Diario).
photo_camera O Apalpador na concentración despois da entrega das sinaturas da Mesa (Foto: Nós Diario).

O Apalpador sumouse esta cuarta feira á petición de igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego na nova Lei xeral de comunicación audiovisual.

Foi o encargado de entregar na delegación do Goberno español na Coruña as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística dentro da iniciativa "Netflix en galego: queremos todo o audiovisual na nosa lingua". 

"O Apalpador quere agasallar audiovisual en galego", explicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "e, por iso, fai entrega ao Goberno español destas sinaturas que representan a vontade que ten a poboación galega de vivir en liberdade na súa lingua". 

Nas sinaturas entregadas ínstase a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a incluír as medidas a favor da lingua galega acordadas por unanimidade no Parlamento Galego.

Entre elas demandan que a nova Lei xeral do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda; e que a Corporación de Radio Televisión Española (RTVE) emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa app. 

Sen financiamento para o galego

"A nova lei audiovisual comezará a se debater en febreiro", expuxo Maceira, "e o único que se sabe dela con certeza é o que di o proxecto: nada de financiamento para producións en galego, nada de dobraxe e lexendaxe en todos os filmes e series".

O responsábel da Mesa pediu "igualdade para todas as linguas" e lembrou que "queremos ter opción e liberdade para o galego no audiovisual". 

Comentarios