Ao Tribunal Europeo contra o decreto do Plurilingüismo

Logo de que o Constitucional rexeitara o recurso contra o Decreto do Plurilingüismo cunha soa liña e sen argumentar, a Academia galega amosouse a favor de recorrer ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

RAG
photo_camera RAG

Henrique Monteagudo, secretario da RAG, declarou para Sermos que se trata dunha resolución “decepcionante porque demostra pouca sensibilidade cos dereitos dos galegofalantes, non o explican e non entran no asunto, porque no noso recurso hai moitos argumentos contra unha sentenza que tiña moitos erros”. 

“O acordo previo da Academia é esgotar a vía xudicial, pero cada paso hai que pensalo ben porque canto máis aló imos máis se complica desde o punto de vista xudicial”, afirmou Monteagudo. “A sensación é de desamparo”.

“Tribunal político”
Fontes próximas ao equipo legal que levou o caso confesan que era imposible gañar esta batalla, posto que estamos diante dun tribunal “político e tremendamente politizado”, pero desde logo non agardaban unha resposta dunha liña. “É unha unha falta de respecto á institución, á xustiza e á lingua galega”, apuntan. O Constitucional ten a obriga de motivar as súas resolucións, sinalan, “máis aínda cando na sentenza recurrida había graves defectos de procedemento”.

Con respecto ás posibilidades que tería o recurso diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, responden que “nunca se fixo nada similar, así que sería abrir unha vía nova”. E para iso cómpre buscar expertos na aplicación da Carta dos Dereitos Humanos , concretamente na prohibición da discriminación por razóns de lingua e pertenza a unha minoría nacional.

“Ás veces as batallas hai que dalas simplemente para dar exemplo e para amosar que non nos rendimos. É importante manter vivo o debate da lingua”, afirman. 

A Mesa apela á unidade

Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, pídelle ao Goberno galego que faga efectiva a súa aposta pola volta ao consenso na pasada Declaración de Unidade a prol da normalización do galego e abandonen o unilateralismo que os levou a aprobar un Decreto que xa foi parcialmente anulado pola xustiza. 

Segundo a Mesa, máis alá das discusións xurídicas, “onde parece que os principais órganos xudiciais aceptan tanto a inmersión lingüística en Cataluña como a prohibición de impartir en galego determinadas materias, a decisión de limitar ou potenciar o galego nas aulas corresponde ao Goberno galego, que debe atender as demandas sociais”. 
 

Comentarios