Antía Veres "É un labor das tradutoras eliminar o machismo da linguaxe"

Antía Veres (1990) é licenciada en Tradución e Interpretación, con especialidade en inglés‑galego, pola Universidade de Vigo. Colaborou profesionalmente co proxecto Trasno e foi unha das fundadoras da asociación Trabalingua (2009). Actualmente traballa como autónoma para diferentes editoriais, como Kalandraka ou Hugin e Munin. A tradución de Unha muller perdida, da autora norteamericana Willa Cather, valeulle o Premio Plácido Castro de Tradución, un galardón outorgado pola fundación homónima en colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos, que recoñece a mellor tradución do ano á nosa lingua. O xurado destacou o uso dun “galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera natural da novela”. Eis un estrato da peza publicada no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza.  
f6_EntrevistaFS

Que a motivou a dedicarse á tradución literaria ao galego?

Dende a carreira empecei a entrar en contacto coa tradución literaria e paréceme a máis satisfactoria desde o punto de vista do tradutor, porque é máis creativa e require un coidado especial das palabras. Por outra banda, unha persoa que non teña compromiso coa lingua non se dedica á tradución literaria ao galego. Para min é unha ferramenta de normalización, traendo todos estes libros ao sistema literario trato de aportar o meu gran de area. A tradución, ao che permitir acceder a obras que noutras culturas e sistemas literarios levan dispoñíbeis moitos anos, recoñece a nosa lingua como válida para transmitir estes coñecementos.

Como se sitúa Unha Muller Perdida dentro da produción literaria de Willa Cather?

Ten outras obras máis famosas, como My Ántonia ou One of Ours, pero A Lost Lady é tamén un libro moi recoñecido, sobre todo porque chegou xusto despois de que Cather publicase One of Ours, que a pesar de recibir o premio Pulitzer non tivo moi boa acollida. Despois publicou A Lost Lady e xa recuperou o bo ver de crítica e lectores.

m6_EntrevistaFS

Que achega a tradución ao sistema literario galego?

O sistema literario galego xa ten bastantes eivas pola situación do galego. Daquela estamos nunha situación bastante anómala, no senso de que outros sistemas teñen xa traducidos moitos clásicos desde hai moito tempo e nós non. A Lost Lady é unha obra clásica, de comezos do século XX. Mentres que outros sistemas literarios agora se están a centrar en traducir obras que son novidosas, nós temos que buscar clásicos que aínda non foron traídos aquí.

"Outros sistemas teñen xa traducidos moitos clásicos desde hai moito tempo e nós non"

Que foi o máis complicado na tradución da obra?

Realmente pareceume bastante complicado o tema da paisaxe. É unha obra moi descritiva do entorno dos Estados Unidos. Iso resultoume moi difícil porque en galego, en xeral, hai unha falta de recursos, a pesar de que moitas institucións traballan continuamente para paliala, enchendo glosarios e corpus literarios. Aínda falta moito. A autora describía herbiñas ou animais que se callar non son tan comúns aquí na Galiza, e para atopar un equivalente foi onde máis atrancos atopei. Pero pouco a pouco, traballando con afán, ao final funo conseguindo. 

Alén da cosmovisión, outro dos aspectos fundamentais da tradución é reproducir o horizonte de coñecemento das persoas lectoras.

Á parte do rango temporal, temos que darnos de conta de que estamos nunha situación distinta a nivel xeográfico, nunha cultura diferente. Para sortear eses obstáculos que pode atopar o lector para entender a obra, temos que situala moi ben, para o que existen varios recursos. Para comezar, podemos incluír algún tipo de descrición sutil dentro da tradución, se for algo sinxelo. Mais cando implica diferenzas culturais, xeográficas ou temporais moi grandes, temos que utilizar as famosas notas do tradutor, que se poñen ao pé cando as diferenzas son ineludíbeis mediante un simple retoque da frase.

Até que punto é preciso profundar na vida e obra da autora, así como no contexto social?

O ideal é dedicarlle moito tempo á documentación. Porén, á hora de traballar temos uns prazos para sacar adiante o encargo. Á parte de poñerte en contexto ao principio, a medida que vas traducindo é realmente cando te vas concienciando máis. Pero si, é un traballo fundamental de cara ao que falamos antes de poder situar o lector nun contexto adecuado. A ideoloxía das persoas ou os movementos nos que un libro se encadra tamén poden axudar a escoller unhas palabras e non outras.

Como traballa desde a tradución a cuestión de xénero?

É bastante complicado, porque obviamente temos unha linguaxe moi machista, mais sempre me esforzo en tratar de ser inclusiva, mesmo aínda que non o fixese o autor orixinal. Porque tamén é un labor noso tratar de eliminar ese machismo da linguaxe. Ademais, por outras partes hai moitas palabras que nos dan xogo. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]  

Comentarios