Análise: sete frontes abertas na nova etapa da Mesa pola Normalización

A semana que comeza será histórica para A Mesa, xa que significará a derradeira de Carlos Callón na presidencia. Será substituído por Marcos Maceira, no que dalgún xeito significa unha nova etapa para unha asociación cun traballo máis que recoñecido pero tamén cuestións que encarar nos próximos anos.

photo_camera Activistas polo galego.

O próximo sábado, Marcos Maceira converterase no novo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Deixa o posto Carlos Callón, após doce anos no mesmo. Iso significa que, malia existir unha continuidade, ábrese unha nova etapa. Na que, ademais das frontes nas que traballa xa a asociación, poden atoparse ante cuestións como estas sete:

Callón: Non é unha misión doada substituír a Carlos Callón, unha das persoas con mellor capacidade de comunicación das que, dun xeito ou outro, participan na vida política galega. Pero, ao mesmo tempo, Maceira conta coa sorte de ter aí un referente a imitar, ás veces, en cuestións sinxelas que ao final son as que marcan perfil. Por exemplo, @s xornalistas sabían que unha rolda de prensa de Callón sempre deixaba un bo titular, algunha frase creativa. Sería ben para A Mesamanter dentro do posíbel esa capacidade, máis ante o veto continuo que sofre nalgúns medios.

Valor: Teñen que 'competir' as reivindicacións lingüísticas cunha chea de motivos que sacan día si e día tamén á xente á rúa. E, en moitos casos, estas cuestións afectan á primeira necesidade, como o teito ou o pan. Neste escenario, A Mesa moveuse moi ben ao principio pero sufriu algo máis despois. Así, insistir no discurso de que a do galego non é só unha causa identitaria ou cultural senón tamén un factor de desenvolvemento e xeración de benestar, así como un escudo contra a disolución en mans das elites, non é só unha opción, senón case unha obriga.

Pluralidade: A defensa do galego está obrigada a ser variada ou, como tamén se afirma agora, transversal. Isto significa que cantas maiores e máis variadas sexan as forzas ou o tipo de persoas que se sumen, mellor. Por razóns obvias, é no nacionalismo e na esquerda onde se sitúa a maioría de activistas do galego, porén, iso non debe impedir que, como xa algo ocorreu no importante ciclo de mobilizacións 09-10, se facilite a incorporación de todos os apoios posíbeis, desde a pluralidade. Outra cousa será que aí fóra espere un deserto, pero A Mesa non pode pechar esa liña de actuación.

Rutinas: Nos últimos anos, a capacidade de innovación está a ser a marca do que moit@s consideran novas formas de facer política. Sen entrar nese debate, si é certo que calquera movemento social, é o da defensa do galego así pode definirse, precisa de imaxinación e innovación. O feminismo, por exemplo, é un referente nese terreo. Polo contrario, A Mesa non dá escapado nos últimos anos de certa rutina, dunha case ritualidade adoito enmarcada dentro do oficialista Día das Letras. Abrir o abanico de actuacións (e modos) preséntase como unha posibilidade para esta nova etapa.

Mocidade: Marcos Maceira leva anos participando en primeira liña do Correlingua, unha das mellores iniciativas que saíron da Mesa -e outras organizacións, como aASPG ou CIG- malia que co paso dos anos sempre estea necesitada de certa reinvención. Pero o exitoso e máis que vixente Correlingua está pensado para a masa social onde a lingua máis presenza perde pero que tamén é aquela que maior disposición e forza amosa para reverter o proceso de substitución lingüística. Na rapazada atopa A Mesa o principal destinatario da súa mensaxe, o que tamén obriga a saber dirixirse a este segmento nas súas coordenadas, fuxindo da caricatura coa que os poderes intentan sinalar á lingua como algo vello, unha reliquia do pasado.

Laboral: Moi centrada -e afouta- no mundo do Ensino, a defensa da normalización lingüística ten un campo aberto -e moito máis complicado- no mundo do traballo. Nestes días fálase moito da reacción en contra do galego dun hoteleiro asturiano, pero ese debate -co todo o significativo que resulta- é mesmo menor diante do salvaxe apartheid que sofre o idioma galego na propia Galiza no que respecta ao mundo laboral. Lingua vetada ou estigmatizada á hora de buscar un emprego (usala en currículos ou entrevistas supón un risco) ou directamente prohibida nos centros de traballo, hai aquí unha fronte na que profundar, porque ademais é sen dúbida a que mellor simboliza a condición oprimida do galego, en contra de falsos debates sobre bilingüismo (cando do que falan é diglosia) ou delirios sobre imposicións.

Normativa: A Mesa pola Normalización non é Mesa pola Normativización, seguramente con bo criterio posto que ese segue a ser un tema moi espiñento, ás veces até o desmedido. En todo caso, a aprobación da ILP Paz Andrade -que tivo o apoio da Mesa- serve unha vez máis para demostrar que é posíbel abrir camiños intermedios, de grande interese ademais para a supervivencia da lingua, que é do que se trata. Así, a influencia e vixilancia que pode exercer a asociación nesta nova etapa sobre o desenvolvemento de puntos de reencontro entre as distintas normas do galego e a súa internacionalización pode converterse sen ningún problema noutro camiño a andar por unha Mesa que renova dirección, pero mantén obxectivos.

Comentarios