CONTINÚA O DEBATE SOBRE A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Ana Pontón pide que se xulgue a Feijóo "polo exterminio do galego"

A deputada do Bloque acusou o presidente de desenvolver un "apartheid lingüístico" coas súas políticas.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón [Imaxe Parlamento de Galiza]

Na comisión 4ª do Parlamento a deputada do BNG, Ana Pontón, sinalou o goberno de Alberto Núñez Feijóo como responsábel da realidade lingüística que atinxe Galiza e que, ao entender da nacionalista, "non responde a un fenómeno natural, nen normal".

Pontón afirmou na súa quenda de intervención que as políticas desenvolvidas polo Partido Popular en materia lingüística constitúen un "apartheid lingüístico" que procura "reducir" o "uso, espazo e prestixio" da lingua galega. 

Perante esta situación Ana Pontón asegurou que "Feijóo debe ser xulgado polo exterminio do galego" pois o executivo que lidera continúa a aplicar unha lexislación "que os propios tribunais de xustiza consideraron ilegal", apuntou.

Resulta "vergoñento que Feijóo gaste tanto en asesores como en apoiar o galego", sinalou Pontón

Neste senso, reclamou un "cambio urxente" na política lingüística da Xunta que para 2015 prevé máis un recorte nos orzamentos destinados á normalización de usos do galego.  Resulta "vergoñento que Feijóo gaste tanto en asesores como en apoiar o galego", sinalou Pontón. 

"Indignación" perante as declaracións de Alonso Montero

Desde a organización frontista reprobaron as declaracións do presidente da Xunta quen responsabilizou as "familias" do descenso no número de persoas galegofalantes. Aliás, a portavoz de Política Lingüística do BNG amosou a súa "sorpresa e indignación" polas afirmacións do presidente da RAG, Alonso Montero. Segundo Ana Pontón as súas declaracións "denigran a esta institución e danan o seu prestixio" polo que esixiu "unha inmediata rectificación pública". 

Desde o Bloque anunciaron que encetarán unha campaña a nivel social e institucional, co fin  de impulsar un fondo debate que restaure a lingua e un movemento social que recupere o consenso fraguado no Plan Xeral de Normalización Lingüística. 

Comentarios