Miranda chama a Comisión Europea a garantir os dereitos lingüísticos da Galiza

A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, trasladou esta semana unha pregunta á Comisión Europea sobre a situación da lingua galega que se reflicte no quinto informe do Comité de persoas expertas da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias publicado polo Consello de Europa. Nela, insta a garantir os dereitos lingüístico da Galiza.
2019122112030532524
photo_camera Ana Miranda (BNG)

No seu escrito, Ana Miranda pregunta á Comisión se ten coñecemento dos incumprimentos por parte do Goberno galego, pero tamén sobre como vai garantir o apoio á lingua galega mediante os novos programas orzamentarios. “Non queremos que a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias sexa papel mollado”, salienta. O documento, dirixido ao Estado español, chama a atención sobre a necesidade de eliminar as limitacións do ensino do galego en todos os niveis de educación. 

A portavoz do BNG en Europa defende o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que foi ratificada polo Estado español en 2001, e cuxo obxectivo consiste en garantir a normalidade das linguas minorizadas. Segundo a Carta, cada estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como a sanidade, a educación, a xustiza, a administración, as relación sociais e económicas, a cultura e as relacións transfronteirizas.

“O menosprezo de Feixoo a este informe e ás institucións europeas é un claro exemplo do pouco que lle importa ao Goberno galego a nosa lingua”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen lembra que a perda de falantes de galego é unha das denuncias constantes da plataforma Queremos Galego, convocante das sucesivas mobilizacións en defensa da lingua nas diferentes vilas e cidades de Galiza.

Comentarios