Ana Miranda chama a apoiar a iniciativa cidadá europea das linguas minorizadas

853.000 persoas asinaron, ate o momento, a Iniciativa Cidadá en Defensa das Linguas Minoritarias. De acadar o millón antes do 3 de abril, a Comisión Europea deberá lexislar sobre o particular. A eurodeputada do BNG Ana Miranda fai un chamado a apoiala desde Galiza.
 

Ana Miranda
photo_camera A eurodeputada do BNG Ana Miranda.

“Para Galiza ten unha grande importancia que a Unión Europea adopte medidas xurídicas para mellorar a protección das persoas ás minorías culturais e lingüísticas”, expón Miranda nun comunicado, “que inclúan iniciativas relacionadas coa administración pública, a educación, a sanidade, a xustiza e a cultura”.

A iniciativa, indican na páxina web que recolle as sinaturas, nace da conciencia de que as “minorías nacionais” ou as “comunidades lingüísticas minorizadas” realizan “unha forte contribución á diversidade cultural e lingüística de Europa”. “Canda outras europeas e europeos queremos definir o futuro de Europa, un futuro en que non conten unicamente as culturas dominantes e as linguas grandes, senón tamén as minorías”, afirman.

A europarlamentaria nacionalista considera que, de se conseguiren o millón de apoios, as institucións europeas deberían construír ferramentas para evitar “casos como que as persoas maiores non sexan atendidas en galego polo persoal sanitario, ou as funcionarias en Lugo que se negaban a falar galego”.

Comentarios