Ana Boullón ingresa na RAG o 11 de decembro como membro de número

Ocupará a cadeira vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tomiño,1936 – Vigo 2020)
A académica e coordinadora do programa, Ana Boullón. (Foto: CRTVG).
photo_camera A académica e coordinadora do programa, Ana Boullón

Ana Boullón Agrelo é profesora do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, adscrita ao Instituto da Lingua Galega, e unha investigadora de referencia no campo da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía.

En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración coa Academia se remonta aos anos 90 do século pasado. É tamén membro de varias asociacións científicas e presidiu a Asociación Galega de Onomástica, na que segue a formar parte do equipo directivo.

A académica electa ten publicado textos medievais non literarios e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria; e tamén é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado.

 Formou parte, entre outros, dos equipos que promoveron ferramentas informáticas en liña para o estudo do léxico medieval (Dicionario de dicionarios do galego medieval) e planificou xunto a Xulio Sousa a Cartografía dos apelidos de Galicia), esta última por encarga da Real Academia Galega. 

Na actualidade, tamén por encarga da RAG, está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, que se atopa en fase de revisión; e a posta en marcha da Guía dos nomes galegos, que estará dispoñible na páxina web da Real Academia Galega e coa que público poderá facer pescudas sobre os nomes propios. 

Con anterioridade, dirixiu o equipo que elaborou Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización (RAG, 2016) e foi coordinadora de distintas edicións da Xornada de Onomástica Galega, que a Academia celebra anualmente dende 2016.

Ana Boullón presentou os seus traballos en máis de corenta encontros estatais e internacionais, dende a Universidade de Santiago de Compostela e outras universidades españolas ata as de Bahia, Leipzig ou Torino; realizou estadías nas universidades e Oxford, Trier e Queen Mary (Londres) e colabora como consultora en proxectos de investigación do Brasil e dos Estados Unidos, ademais de participar en diversos proxectos estatais e internacionais.

As súas achegas abranguen ademais outras publicacións orientadas á divulgación, faceta que cultiva tamén con colaboración periódicas no Portal das Palabras ou no espazo O Seminario de Onomástica responde.

Comentarios