MANIFESTACIóN DO 17M

O amor pola lingua desborda a Praza da Quintana

[EN ACTUALIZACIÓN] Ao berro de "Na Galiza, en galego" deu comezo a manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras. A mobilización, masiva, partiu pasadas as 12.15h da Alameda de Compostela.

mm2
photo_camera [Imaxe: Olalla Rodil]

A mobilización do Día das Letras convocada por Queremos Galego saíu pasadas as 12.15h da Alameda de Compostela, onde se congregaron milleiros de persoas. Ao berro de "Na Galiza, en galego" partía a manifestación, encabezada por unha faixa de Manuel María co verso "O idioma é a vida" e que portaron, entre outras persoas, o músico Xurxo Souto; o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias; a escritora Marta Dacosta, a artista Mercedes Peón e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira.

Amais de "Na Galiza, en galego"; "Sempre en Galiza, sempre en galego" e "Galiza ceibe, poder popular" foron as consignas máis coreadas na manifestación, que segue a discorrer de maneira festiva e entre a música das gaitas e das pandeiretas polas rúas de Compostela. Son miles as participantes. Ás 13h, a Praza da Quintana estaba practicamente ateigada e a cola da mobilización chegaba á rúa do Hórreo.

A primeira intervención na Praza da Quintana foi a de Xurxo Souto, que leu unha nota que enviou Saleta Goi, quen desculpou a súa ausencia por estar nos actos de Outeiro de Rei. Na misiva, a muller do homenaxeado salientou que "o espírito de Manuel está presente nesta mobilización". A continuación, crianzas leron o poema "A fala" e Mini e Mero interpretaron O Carro diante da emoción das presentes. Os versos de Manuel María foron musicados por máis artistas, que fan vibrar arestora a Praza da Quintana. A continuación, tomou a palabra Marcos Maceira, quen lembrou o activismo a prol do idioma de Manuel María e que reivindicou as Irmandades.

A Casa Museo Manuel María, presente

A Casa Museo Manuel María, que o día de hoxe acolle un intenso programa de actividades, tamén está presente e participa da manifestación con cartaces que recollen a faciana de Manuel María e que salientan "Precisamos a lingua se queremos vencer".

Outras pancartas que poden verse na mobilización son a da CIG-Ensino: "O ensino na nosa lingua", a de Galiza Nova: "Nas rúas da Galiza, queremos galego" ou "Manuel María, poeta do povo"; a de Isca: "Hai que defender o idioma como sexa: con rabia, con furor, a metrallazos"; a do Bloque: "Castelao: Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"; a de Queremos Galego; a da Gentalha do Pichel: "Antón Vilar Ponte: Quanto máis galego é o galego, mais portugués é"; a de Semente: "A geración das mil primaveras mais", etc.

Son numerosos os mozos e mozas que participan da marcha e que berran "Aquí está, aquí se ve a mocidade galega en pé" ou "Nas aulas de Galiza queremos galego". Na manifestación participa unha nutrida representación do BNG (entre a que destaca a portavoz nacional, Ana Pontón) e da CIG (con Suso Seixo á cabeza), membros de Anova (como o deputado Antón Sánchez e o alcalde compostelán Martiño Noriega), de IU e Cerna.

[Imaxe da portada: @pilaraymara]

Comentarios