martes 29/09/20

Álvaro Mera, educador na Semente: "Cada crianza ten o seu modo de aprender e tamén o seu momento"

A equipa pedagóxica da escola Semente Compostela fórmana media ducia de educadoras e educadores e Álvaro Mera encárgase da súa coordinación. Afondamos con el nas liñas educativas deste centro de ensino para crianzas de infantil e de primaria, artellado arredor da inmersión lingüística e do traballo asembleario.
Alvaro Mera
Alvaro Mera

Na actualidade existen 4 escolas Semente ademais da de Compostela, que foi a primeira. Até que punto comparten a liña pedagóxica entre elas?

A nivel nacional temos por principio traballar unha liña básica que todas as Sementes partillen. Cando existe un grupo promotor en calquera parte de Galiza, ímos visitalo e dáse o paso definitivo coa sinatura dun contrato que reafirma a concordancia coa liña metodolóxica da Semente, aínda que se mantén a autonomía de cada escola.

Fálenos desa metodoloxía...

As políticas de inmersión lingüística son a base que sustenta o proxecto. No seu momento,  a Semente naceu coma unha resposta social á situación lingüística do país. As nosas crianzas mandabámolas ao cole e aínda que na casa fixeramos un esforzo por manter a lingua, cando se escolarizaban perdíana. Mais non é que só sexamos unha escola de inmersión, senón que temos outras inquedanzas. Cuestións coma o feminismo, que entendemos que ten que ser unha cuestión transversal, que o proxecto educativo ten que estar impregnado desta característica na práctica diaria, por exemplo, ou a cuestión da educación científica, que para nós é chave e relacionámola tamén coa laicidade.

Pode explicar algo máis esa relación coa ciencia?

Desde a Semente entendemos que todos os conceptos e todos os coñecementos que lles trasladamos ás crianzas teñen que ter unha base científica e que se teñen que explicar a través da ciencia. Parece obvio pero, ultimamente, temos moitas pseudoteorías asociadas á cuestión educativa e que non teñen ese cimento científico. Nesta liña, desenvolvemos a cuestión da integración e do respecto pola natureza, desde unha perspectiva galega. Isto é, para coñecer a natureza primeiro temos que coñecer as plantas que nacen na nosa horta, os animais que vemos todos os días. Partimos do coñecemento da contorna próxima para abrirnos ao mundo da fauna e da flora en xeral. 

A pedagoxía coa que se traballa na Semente defínena como transformadora e ten como unha das súas características o 'autorregulamento' das crianzas. A que se refire ese aspecto?

Nós entendemos que cada crianza, e diría incluso cada adulta e cada adulto, ten o seu modo de aprender e o seu momento tamén. Non todas as crianzas son iguais porque a contorna para elas tamén é diferente, canda unha vén dunha familia, dun tipo de educación... e nós tampouco podemos responder igualmente a todas as crianzas. Por exemplo, non podemos ter un protocolo moi fechado para o período de adaptación porque cada crianza ten unha mochila diferente, temos que saber reaxir de modo diferente con cada nena e con cada neno, debemos ter flexibilidade para poder adaptarnos ao seu desenvolvemento. Se eu forzo moito unha crianza, a resposta vai ser a contraria da que eu quería.

Como favorece esa adaptación á diversidade de cada unha e cada un, a integración e a adaptación á diversidade funcional, por exemplo?

Todas e todos somos diferentes e por esta cuestión nunca imos responder da mesma forma cada unha a unha intervención. Nós sempre temos esa flexibilidade pero aínda así hai casos de diversidade funcional que nós tamén temos e que precisan ademais dun tratamento individualizado e flexíbel. O que tentamos, é a nosa política, é traballar en rede, tanto coa familia coma cos apoios externos, se os hai. Fomentamos que exista colaboración, que haxa conexión entre o noso centro e o centro externo, sempre tentando sobre todo o ben para esa crianza. Se todas procuramos o ben para a crianza buscamos o ben propio, se a crianza está ben, o grupo está ben, a familia está ben e todo funciona. Cremos que iso é o ideal e así funcionamos.

Como afronta o vindeiro curso e os protocolos sanitarios fronte á Covid-19?

Para nós pode ser sinxelo porque traballamos con ratios pequenas, e dentro do noso proxecto educativo e da nosa realidade diaria o espazo exterior e o traballo ao aire libre son elementais. Agora estamos á espera dun protocolo rematado e serio, por parte da Xunta, e que nolo presenten para nós poder aplicalo, alén de implementar os que xa están incorporados coma o xel hidroalcólico ou o uso obrigado de máscaras. De todos modos, nós pensamos en melloralo, os nosos grupos xa son menores de 20 e en cada centro só hai 2 e entendemos que o control pode ser máis sinxelo. Se o virus entra podemos atallalo ou fechar o círculo máis facilmente que un centro convencional.

Crianza crítica, crianza activa

"O obxectivo da nosa liña pedagóxica é que as nosas crianzas sexan críticas e activas" comenta Álvaro Mera, "porque realmente despois isto inflúe en todo. "Se ti es crítica e tes iniciativa e estás a vivir nun país onde non se respecta a túa lingua, ou que vive un empobrecemento continuo", exemplifica, "loitarás para que iso non pase, poñerás en práctica dinámicas que fomenten que iso non pase".

Ou no relativo ao feminismo, como aspecto transversal das escolas Semente, "se ves que neste país a situación da muller é tamén unha situación de depresión continua e histórica, e es unha persoa crítica e activa, darás en facer cousas para que iso non pase". Álvaro Mera subliña que esta educación no "activismo crítico" atinxe todas as materias: o respecto ambiental, a participación na vida comunitaria etc.

Álvaro Mera, educador na Semente: "Cada crianza ten o seu modo de aprender e tamén o...
comentarios