Alonso Montero insta a Feijóo a que convoque un comité de sabios sobre o galego

No canto de criticar singularmente a actual Xunta, o presidente da institución encarregada de fixar a norma ortográfica da lingua galega dirixe os seus dardos a todos os gobernos habidos até agora.

Alonso Montero
photo_camera Alonso Montero


Alonso Montero continúa prodigando declaracións de teor político. Renuente a criticar a Feijóo, desta volta optou por estender a reprobación aos distintos executivos que se teñen sucedido na Galiza durante o actual réxime político.

Sob o seu ponto de vista, os diferentes gobernos galegos -fosen "tripartito, monopartito ou bipartito"- nunca estiveron á altura das circunstancias. "Niso Feijóo non é orixinal", di Alonso Montero, equiparando o goberno do PP ao bipartito formado por PSdeG e BNG.

Chama a atención que a persoa que dirixe a institución encarregada de fixar o standard culto do galego reproche á Xunta non ter convocado en ningunha ocasión ás "15, 20 ou 25 persoas" que "máis saben da problemática do galego", dando a entender que as actuais institucións -a própria RAG, o ILG...- non son abondo para resolver os problemas da lingua galega.

O estudo da MNL

Alonso Montero pronunciouse nestes termos durante a súa intervención, na sede da Deputación de Ourense, na apresentación dos actos axendados para comemorar o ano do escritor Eduardo Blanco Amor.

O presidente da RAG foi inquirido a respeito dos dados recentemente divulgados pola Mesa pola Normalización Lingüística sobre o degrau de uso do galego no ensino. Dixo que as conclusións do estudo da Mesa reflecten un problema que "esta na sociedade" e espellan que o sector da sociedade comprometido coa lingua non ten "o poder e a forza políticos que teñen outros grupos máis numerosos".

Comité de sabios

Baixou ao pormenor sobre a súa proposta de reunir as persoas que el considera con cualificación e autoridade en materia de lingua galega. Esa sorte de comité de sabios debería manter un encontro dilatado no tempo -"durante un, dous ou tres días se é necesario"-, sen que fose preciso que estivesen presentes nen Feijóo nen o conselleiro de Cultura.

Valentín García opina que a relación entre o español e o galego é de "equilibrio" e que ese é o mandato que a Xunta recebeu da sociedade

"Apelo a todos a que algún día, canto antes mellor, se reúna as persoas que saben desta problemática e están comprometidas, cada unha desde a súa óptica", alegou.

Réplica de Política Lingüística

Valentín García, responsábel de Política Lingüística, presente no acto, pediu a palabra "por alusións" para defender que, segundo os dados que manexa a Xunta, o español e o galego "están en equilibrio". Colocar estas dúas linguas en posición simétrica é xustamente, interpreta García, o mandato que recebeu o goberno galego da sociedade.

Cualificou os dados da Mesa de "polémicos" e de non "científicos", sendo que foron obtidos, subliñou, "através dunha enquisa telefónica", en cuanto que os informes que posúe a Xunta serían "estatísticos e indicarían a existencia de equilibrio".

Comentarios