Alonso Montero afirma que Ferrín lle negou o saúdo e presume de amizade coa Xunta

O presidente da Real Academia Galega relata que o seu antecesor "non quixo" darlle a man nin a el nin a Henrique Monteagudo e nega as acusacións de que na RAG agora "trabállase pouco". Cualifica de "amigo" ao conselleiro Jesús Vázquez.

photo_camera Montero, na RAG.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, afirmou que non mantén "ningunha relación" coa seu antecesor no cargo, Xosé Luís Méndez Ferrín, xa que non coincide con el "dende hai moito tempo" e "unha vez" que se atoparon Ferrín lle negou o saúdo tanto a el como ao secretario da institución, Henrique Monteagudo, sempre segundo o seu relato.

Montero censurou que Ferrín "faga declaracións dicindo que na RAG agora se traballa pouco", o que considera que "son frases bastante incorrectas". "Porén, é probable que en diante teñamos que ter algunha relación, porque a vida non termina aquí, supoño que nos atoparemos algunha vez", engadiu o presidente da Academia, que tamén recoñeceu que aínda existe certa división na entidade.

"Hai pais que non transmiten a lingua aos seus fillos a pesar de que é a que utilizan na casa", sinalou Montero sobre o estado do galego

Alonso Montero falou tamén, durante unha entrevista en RNE, sobre a saúde actual do idioma galego para apuntar que "hai un fenómeno que habería que ter moi en conta por parte das institucións, e él aquel polo que hai casas nas que os pais non transmiten o galego, que é o idioma do pai e a nai, aos seus fillos".

Xunta

O titular da RAG tamén volveu a sinalar que se leva "moi ben con todas as autoridades da Xunta", pois é "amigo" do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; e ten unha relación "extraordinariamente fluída" e "eficaz" co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o responsable de Política Lingüística, Valentín García.

"Hai que dicir que a Xunta, dentro das circunstancias de tanta gravidade economica que hai, non nos recortou a súa axuda económica, aínda que si nola recortou o Goberno central", remarcou Alonso Montero.

Comentarios