Agredida en Lugo por falar en galego: novo caso de xenofobia lingüísitica

O presunto agresor xa foi identificado pola Policía Local.
Vivendas ás beiras da muralla de Lugo. (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez)
photo_camera Vivendas ás beiras da muralla de Lugo (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez)

Máis un caso de xenofobia lingüística ocorrido na Galiza. Neste caso, trátase dunha muller que foi presuntamente ameazada por un home polo simple feito de falar en galego.

A agresión tivo lugar na madrugada do domingo á segunda feira, cando a muller, que se atopaba nun local de hostalaría na rúa Milagrosa, foi interpelada por outro cliente do estabelecemento ao que non lle pareceu ben que esta persoa falara en galego coa amiga que a acompañaba.

Segundo relatou a propia vítima da agresión á Policía Local, nun momento da conversa coa súa amiga o home agarrouna dos brazos, recriminoulle que empregara o galego e tiroulle unha foto.

Horas despois, o presunto agresor foi localizado por membros da policía, que procederon a identificalo e instruír dilixencias en dependencias policiais polo ocorrido. Polo de agora non se sabe se a muller presentará denuncia contra este individuo.

A Mesa pola Normalización Lingüística sinalou ao respecto nas redes sociais que "queren que teñamos medo de falar a nosa lingua no noso propio país mais non imos parar" e animan a pórse en contacto coa Liña do Galego ou no teléfono 981563885 "se tes problemas para falar galego".

Reacción do Concello de Lugo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua,Maite Ferreiro, agradeceu á Policía Local a súa actuación para identificar o presunto agresor e "traballar en defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo".

"Logo de anos e anos escoitando historias sobre a imposición do galego, vemos como este discurso de odio fomentado pola extrema dereita está a producir este tipo de situacións que nos fan retroceder a outros tempos escuros para a nosa lingua", lamentou Ferreiro.

A edil concluíu sinalando que "desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando para fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, e garantizar que toda a sociedade poida usar a súa lingua en liberdade".

Comentarios