"Agora está prohibido impartir certas materias en galego, como a finais do franquismo"

Marcos Maceira, que será elixido a próxima fin de semana novo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, sinala como obxectivo "sumar máis vontades" e louva ao seu predecesor, Carlos Callón.

Marcos Maceira.
photo_camera Marcos Maceira.

Que sentimento lle domina ante o horizonte que se abre, a responsabilidade ou a ilusión?

A responsabilidade é grande, sen dúbida , xa que temos por diante moito traballo na resposta social en defensa da lingua, así que seguramente o que máis sinto é iso. Pero tamén esperanza.

Encabeza unha nova dirección que di renovar pero dende a continuidade.

A renovación de persoas é grande, mais no básico a Mesa vai continuar na liña de actuación que mantiña, de denuncia e de expresión de alternativas a favor da normalización lingüística. Se se pode falar dalgún cambio ese será o de querer sumar moita máis xente á asociación. O número de persoas que se achegou a nós desde que en 2009 Feijóo impuxese o seu plan de demolición do galego xa foi enorme, como quedou comprobado nas diversas manifestacións nas rúas de Santiago, e o que pretendemos é afondar nesa liña, sumar máis vontades na defensa da lingua, conseguir máis avances. Ese é o obxectivo.

É difícil que a causa do idioma manteña un espazo propio nun escenario de múltiples mobilizacións?

A realidade xa nos sorprendeu moito coa grande implicación que houbo a nivel social coa nosa causa. Nun contexto desfavorábel, en medio dunha campaña feroz contra a Mesa, a xente non deixou de estar aí, de seguro que tamén porque a defensa da lingua ten moito que ver cos avances e as reivindicacións sociais, os países máis avanzados adoitan coincidir cos que teñen normalizadas as linguas propias. Sabemos que hoxe en día hai moitos motivos para saír á rúa e tamén que un deles é o do galego, destaca por exemplo a moita xente que fala en español normalmente pero se suma á causa e saíu á rúa coa Plataforma Queremos Galego porque queren avances para a nosa lingua.

Chega á presidencia da Mesa cando se cumpren cinco anos da aterraxe de Feijóo en San Caetano.

Pois non foi intencionado, iso seguro. Respecto ao goberno galego, a posición que nos gustaría ter sería a de acompañante crítico, pero as súas políticas van xusto polo lado contrario do que considerariamos mínimo para a lingua e non hai trazas de que vaia mudar esas posicións, que en moitos aspectos teñen ao galego na mesma situación que a finais do franquismo, por exemplo no ensino. Agora está prohibido dar certas materias en galego, como en 1977. Eu levo anos traballando co Correlingua, este ano animamos á mocidade a que dea un paso adiante respecto á lingua e atopámonos cunha moi boa recepción, pero á vez os máis novos indícannos que o contexto é complicado porque o Goberno camiña noutra dirección.

Substituirá no cargo a Carlos Callón.

Carlos xa era un referente antes de ser presidente da Mesa, todo o mundo lémbrao co posto de cartóns en calquera parte, buscando novos asociados. É un exemplo a todos os niveis e foi quen conseguiu o grande número de socios que ten a Mesa e que tanta xente se sumase á loita pola lingua. Todo o que podo dicir del son eloxios.

Comentarios