Agasallos con moito amor pola lingua

“Fain@ gozar coa lingua”, é o lema da campaña da plataforma agasallo.eu de cara o 14 de febreiro. Como noutras datas comerciais, convidan a ofrecer presentes tamén con amor á nosa lingua. 

corazon
photo_camera corazon

Como no día de Rosalía, o pai, a nai ou o Nadal, a plataforma agasallo.eu bota a andar de cara o 14 de febreiro unha campaña encamiñada a que os presentes vaian tamén con amor á lingua. Desde o portal da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística que promove a comercialización e promoción de produtos que teñen o galego como lingua de comunicación anuncian unha nova iniciativa, desta volta co lema “fain@ gozar coa lingua”. 

No portal ofreceranse, como nas outras datas sinaladas na axenda anual, produtos especiais para o 14 de febreiro, conmemorado como día d@s namorad@s, como o caso da empresa reposteira de Allariz Fina Rey que ofrece unha frecha de chocolate cun poema inédito de Yolanda Castaño. Outras, como a maior parte das editoriais, poñen os seus catálogos ao dispor de quen escolla a data para agasallar un libro. 

Unha lingua que vende

“Vinculamos cada campaña de agasallos coa da promoción da lingua e este é un deses casos”, comenta Nel Vidal, presidente da CTNL sobre a plataforma na que están incluídas máis de 25 empresas que promoven o uso da lingua nos seus produtos e que se aproveitan tamén das campañas que nestas datas desenvolve agasallo.eu. 

Sen ter comercialización directa, desde a plataforma si reciben comentarios sobre o resultado da participación no proxecto por parte de determinadas casas. Como exemplo, sinalan que unha casa como a comercializadora de conservas Catrineta en Compostela recibe clientes que coñecen a marca a través do portal ou unha especial demanda do vermú St. Petroni que na empresa produtora constatan que se debe ao seu uso do galego. 

Comentarios