Máis dun cento de ideas para agasallar en galego polo Nadal: consulta aquí o catálogo da Mesa

"Apostar por estas empresas é apostar pola creación de postos de traballo na Galiza", salientan desde a entidade.
A Mesa busca enxalzar as empresas que usan con normalidade o galego. (Foto: Asife)
photo_camera A Mesa busca enxalzar as empresas que usan con normalidade o galego. (Foto: Asife)

A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou esta quinta feira un catálogo para o Nadal que, con máis de cen propostas de agasallos en galego, busca recoñecer o papel das empresas que empregan con normalidade a lingua propia do país no ámbito socioeconómico.

Segundo sinalou a plataforma nun comunicado, este catálogo forma parte do proxecto 'Abertos ao Galego', que certifica o compromiso coa normalización do galego en empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole.

Nesta liña, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que "como consumidores están a pór en valor" a lingua, cultura e economía galega. Así, insistiu en que "todas as decisións" que se toman como persoas consumidoras "teñen implicacións".

Ao mesmo tempo, Maceira explicou que "non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que na Galiza, do mesmo modo que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender a clientela en galego ou unha que non dá o seu servizo na nosa lingua".

Así, o catálogo conta cunha serie de motivos polos que apoiar un "consumo responsábel en galego", entre os que destaca "recibir unha atención máis personalizada e máis próxima". Así mesmo, fai fincapé en que "apostar por estas empresas é apostar pola creación de postos de traballo na Galiza".

Tamén sinala que "os produtos etiquetados en galego teñen tanta ou máis calidade que outros", pois "a lingua galega é unha marca de orixe e a orixe galega dos produtos é un sinal de calidade, e en moitos casos de elaboración natural e artesana", xustifica.

O catálogo, ao que xa se pode acceder de forma gratuíta a través desta ligazón, repartirase esta fin de semana en Pontevedra dentro do marco da feira Culturgal, que esta quinta feira deu o disparo de saída ás actividades da edición deste ano.

Comentarios