Denúnciao A Mesa

Aena exclúe o galego no teléfono de información do aeroporto de Santiago

O servizo telefónico de información e atención á clientela  só permite atención en castelán ou inglés “Só español ou inglés, non se fala galego neste departamento”. Retrucáronlle a una persoa que pedía atención en en galego. 

Interior do aeroporto de Lavacolla

A Mesa informa dunha nova queixa recibida na Liña do Galego, servizo gratuíto de queixas e parabéns polo uso do galego, desta  vez referida á exclusión da lingua galega nos servizos de atención e información aeroportuaria de Aena.

“Un cidadán galego chamou ao servizo de atención telefónica de Aena para solicitar información sobre as tarifas do aparcadoiro do aeroporto de Santiago de Compostela. A primeira discriminación sufriuna ao non poder escoller galego no menú de idioma -só permite castelán ou inglés-. Unha vez puido ser atendido por un teleoperador, pediu amabelmente ser atendido na súa lingua. Esta petición motivou unha reacción belixerante e díxoselle que “sólo español o inglés, no se habla gallego en este departamento”.

A Mesa indica que na actualidade a empresa pública Aena dispón dun servizo telefónico de información e atención á clientela que só permite atención en castelán ou inglés, o que afirma que contravén o Estatuto de autonomía que establece no artigo 3 que “os poderes públicos de Galiza adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua”. Do mesmo xeito, as discriminacións por razón de lingua son contrarias ao artigo 14 da Constitución.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira  anunciou que lle solicitarán a AENA que incorpore de xeito inmediato a posibilidade de termos atención en galego, que evite que se repitan no futuro todo tipo de discriminacións ás persoas galegofalantes”.

Comentarios