AELG súmase á petición de prorrogar a 2021 o Día das Letras a Carvalho Calero

Piden que non se elixa unha nova figura a homenaxear para o vindeiro ano e alargar a el a dedicatoria ao ferrolán.

carvalho calero
photo_camera carvalho calero

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) pide que se estenda a 2021 o Día das letras Galegas 2020 dedicado a Carvalho Calero. Así o manifesta nunha carta dirixida ao presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. A RAG decidiu trasladar a outubro os actos de celebración deste ano por mor da pandemia da COVID-19.

“Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural”, afírmase na carta.

AELG pide, en consecuencia, que non se designe unha persoa a comemorar en 2021. O que si aponta tamén na carta é que agarda que a persoa elexida para 2022 “sexa unha muller”.

A Real Academia Galega decidiu pospor até o vindeiro 31 de outubro a celebración oficial do acto das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero ante a crise que vive o territorio pola situación sanitaria.

Varias voces e colectivos están a alzar a voz para pedir, ademáis, que o Ano Carvalho Calero se estenda máis aló de 2020 e que 2021 sexa tamén dedicado á memoria do intelectual e profesor ferrolán.

Tanto a federación de asociacións culturais Galiza Cultura como a Associaçom Galega da Língua (AGAL) remitiron cadanseus comunicados -estando o primeiro subscrito pola súa presidenta, Pilar García Negro- na que solicitan que se faga efectiva esta iniciativa para dedicar o próximo ano a celebrar como se merece a figura de Carvalho Calero.

Comentarios