Adiado o xuízo contra 12 galeg@s por defenderen a nosa lingua nun acto da ultradereita española

A defensa solicitou a nulidade da vista oral que esta terza arrincou en Compostela ao introducir a fiscalía novos delitos que non foran imputados no escrito da acusación previo á apertura do xuízo. Fóra do edificio, centos de persoas mostraron a súa repulsa con respecto do que consideran unha tentativa de criminalizar os actos en defensa do idioma propio da Galiza
Xuízo Galicia Bilingüe
photo_camera Manifestación de repulsa contra o xuízo político [Imaxes: Riobó Prada]

Aprazado sine die. Así quedou esta terza feira o xuízo político polo que sentaban no banco d@s acusad@s once cidadáns e unha cidadá galeg@s imputad@s polos feitos acontecidos o 8 de febreiro de 2009, hai case catro anos, durante a contramanifestación en defensa da nosa lingua realizada en resposta a unha acción convocada por colectivos afíns á ultradereita española, entre eles Galicia Bilingüe, Falange ou UPyD, co apoio do PP. A fiscalía pide até 45 anos e nove meses de cárcere, tres anos e oito meses para cada persoa.

A vista oral arrincou pasadas as dez da mañá no xulgado do penal nº2 de Fontiñas, en Compostela, e suspendeuse apenas media hora despois a petición dos avogados da defensa ao se atoparen con novos delitos que non foran imputados durante a instrución. Polo medio e a pesar de que o xuízo era público, vetouselle a entrada aos medios de comunicación, reducindo finalmente o veto só aos gráficos. Aconteceu isto após proceder a secretaria do xulgado a citar as persoas encausadas, empregando o español como lingua por defecto e deturpando os nomes propios en galego.

A fiscalía deixa @s imputad@s nunha situación de ''absoluta indefensión''

Así as cousas, após declarar a apertura do xuízo oral, a acusación acrecentou a listaxe de cargos, introducindo un delito de danos para dous dos encausados, A.A. e D.A.R., dos cales a defensa non estaba informada. Alegou o letrado "unha situación de absoluta indefensión" ao se introducir a petición de máis unha condena "no momento mesmo do xuízo" --a fiscalía introduciu o delito no escrito da acusación, mais non pediu pena algunha por eses feitos.

A xuíza recoñeceu que "certamente existe unha omisión involuntaria e podería xerar indefensión" --a maxistrada expresouse só en español. Porén, apelou "á boa vontade das partes" para que o delito de danos quedase imputado desde hoxe e continuar coa vista oral. "Non é unha cuestión de boa vontade, é unha cuestión de legalidade", espetou o avogado da defensa dos dous encausados antes citados, que deu como opcións a nulidade ou seguir adiante coa vista e que os delitos acrecentados após a apertura desta non fosen imputados.

Optou finalmente polo aprazamento do xuízo. O mínimo legal para que os avogados preparen a defensa son dez días, aínda que a xuíza adiantou xa que para daquela quizais a sala non estea dispoñíbel, polo que o caso vai de volta ao xulgado de instrución e o adiamento fica decretado sine die. Á saída dos xulgados, ao redor de cen persoas agardaban pol@s encausad@s reiterando a berros que Defender a terra non é delito.

Tornar en delito a defensa da nosa lingua

As mostras de apoio cos e coa imputad@s sucedéronse desde as nove da mañá, hora para a que estaba convocada unha concentración diante do edificio xudicial que foi secundada por centos de persoas baixo o ollar atento dunha ducia de axentes da policía española.

Na Galiza, en galego, repetían, remarcando o carácter político do xuízo agora aprazado e que contará como entre as testemuñas coa propia Gloria Lago, presidenta do grupo Galicia Bilingüe, e de Rosa Díez, voceira de UPyD. Está prevista tamén a declaración, na segunda xornada da vista oral, de máis de vinte axentes da policía española. No terceiro día de xuízo tomaraselle declaración ás testemuñas de defensa e da acusación.

Tiñan claro as persoas congregadas en Fontiñas a tentativa de criminalización da defensa da lingua por parte da xustiza española dos actos en defensa da nosa lingua, e recordaban que entre as 12 persoas procesadas polos feitos acontecidos aquel día de 2009 "non hai ningún españolista".

Entre as persoas imputadas está o preso político Roberto Fialhega, 'Teto', que foi transladado desde o penal español onde cumpre prisión preventiva até o de Teixeiro, para poder asistir ao xuízo. Pasadas as nove e media entrou nos xulgados de Fontiñas nun furgón da Guardia civil acompañado dos aplausos d@s asistentes. Tamén procesado está R.S., abocado a deixar o seu posto de traballo, en Alemaña, para comparecer esta terza diante da xuíza ao lle negaren os días necesarios para viaxar a Galiza.

O apoio mostrado ás persoas encausadas a través das redes sociais é notábel. Para alén dos centos de sinaturas individuais colocadas no manifesto 8F-Absolución, foron tamén moitos os colectivos que quixeron mostrar a súa repulsa pública contra este xuízo e a criminalización da defensa da lingua galega. Así, os colectivos ProLingua e A Mesa quitaron senllos manifestos, para alén de numerosos colectivos e centros sociais, organizacións políticas como BNG, AGE, Candidatura do Povo, Causa Galiza ou NÓS-UP. Na concentración desta terza había tamén representación dos sindicatos CIG e CUT.  Na véspera ao xulgamento realizáronse sendas mobilizacións en Compostela e Vigo. Nelas participaron ao redor de 250 persoas.

O video que se reproduce deseguido corresponde ao 8 de febreiro de 2009, onde se terían producido os feitos enxuizados:

Comentarios