Acusan Correos de silenciar o galego

A CIG vén de rexistrar un escrito para protestar pola política lingüística estabelecida no grupo empresarial, pois opina que hai unha “exclusión total” do idioma da Galiza na comunicación interna. Lamentan que se presuma da diversidade en “campañas” promocionais mentres “nin entenden nin respectan” a lingua da terra.

Cartel crítico coa política de Correos. (Foto: CIG) #lingua #galego #correos #cig
photo_camera Cartel crítico coa política de Correos. (Foto: CIG)

A central sindical da CIG en Correos acusa a compañía de manter unha política de “exclusión total do galego”, cando menos de forma interna no que afecta ás e aos traballadores da Galiza.

A representación laboral critica a “política lingüística” do grupo, posto que segundo afirman o galego non aparece “nas comunicacións escritas, cartelaría informativa e anuncios nos centros de traballo, tanto para traballadores como para clientes”.

En consecuencia, a CIG rexistrou un escrito de protesta.

 “Correos deseña campañas con lemas como “Diversos, con sello propio” moi bonitos de cara a galería pero baleiros de contido, xa que nin entenden nin respectan que un dos nosos mais importantes selos propios é o noso idioma”, reflexionan.  

Así, afirman que non van consentir a vulneración dos dereitos lingüísticos das e dos operarios.

Consideran que a empresa ten que cumprir co estabelecido no artigo 3.2 da Constitución Española, así como co artigo 5 do Estatuto de Autonomía da Galiza onde di que “a lingua propia da Galiza é o Galego”.

“Ademais a Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración”, engade a central.

Polo tanto, opinan que o galego ten que volver ao entorno laboral.

Comentarios