Abanca saiu ao paso das críticas após a denuncia pública realizada por CxG e asegura que "o galego é a lingua prioritaria e de referencia" nas súas comunicacións.
A entidade financeira fixo estas declaracións através da súa conta oficial na rede social Twitter perante a "preocupación", din, amosada por numerosas persoas após aseguraren desde Compromiso por Galicia que a lingua propia desaparecería das campañas publicitarias de Abanca.
Así pois, aseguran que "nada cambiou" e que manterán o uso do galego nas promocións. Até o momento, Abanca combinou o uso do español e da lingua galega nas súas comunicacións.
Neste senso, A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou após a compra de NovaGalicia Banco por parte do grupo venezolano Banesco, unha xuntanza co conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Porén, aínda non obtivo resposta.
Desde A Mesa teñen amosado en diversas ocasións a súa "preocupación" polo "retroceso" que reflicte a presenza da lingua galega nas comunicacións da entidade financeira en relación coas extintas caixas de aforro.