A Xunta desoe a sentenza e di que seguirá adiante coas consultas ás familias

Segundo a consellaría de Educación e ordenación universitaria, a sentenza publicada polo TSXG "constata a legalidade dos principios en que se basea o Decreto 79/2010", malia que anula as consultas ás familias sobre o uso do galego no ensino.

A Xunta de Galiza fica soa fronte ao decreto do plurilingüismo. Após as masivas mobilizacións sociais que amosaron o rexeitamento da cidadanía á norma e dos informes desfavorábeis publicados polo Consello de Europa, o TSXG vén de facer pública a súa sentenza anulando parte das disposicións do coñecido decretazo.
Malia o ditame da máxima instancia da xudicatura galega, a consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asegura nun comunicado que o TSXG "avala o equilibrio entre galego e castelán" do Decreto 79/2010 e asegura que continuará adiante coas consultas ás familias. O executivo galego bota un pulso á xustiza e di que non adoptará unha decisión até que sexan analizadas as sentenzas emitidas e se resolvan as cinco que aínda fican pendentes de resolver.

No entanto, a consellaría liderada por Vázquez Abad, recoñece que o tribunal "invalida o 5% do decreto", porén, na Xunta entenden que será esta quen exerza a "competencia de fixar a lingua predominante do xeito máis consensuado coas familias". Neste sentido, a Xunta manterá as enquisas ás familias, malia expresarse o contrario na sentenza feita pública a pasada quinta feira. Aliás, Jesús Vázquez, asegurou aos medios de comunicación nun acto público desenvolvido en Arteixo que o executivo galego non descarta a posibilidade de presentar un recurso de casación fronte á decisión adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Comentarios