A USC e a RAG estrean 'Superheroínas', sete novas voces femininas que promoven o uso cotián do galego

Nesta segunda temporada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a Lucía Freitas.
Presentación da 'Superheroínas' da RAg e da USC (Foto: USC).
photo_camera Presentación da 'Superheroínas' da RAg e da USC (Foto: USC).

"O futuro é galego, e o futuro é en feminino", conclúe a cociñeira Lucía Freitas en Superheroínas. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Real Academia Galega (RAG) presentaron esta cuarta feira na Facultade de Ciencias da Comunicación.

A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto ‘Novas voces para a lingua’, impulsado por ambas as institucións para outorgar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras. 

Nesta segunda temporada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas, nunha proposta de pezas breves dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).

O vídeo da cociñeira distinguida cunha estrela Michelin pode xa verse xa na canle de YouTube da USC. Nas vindeiras semanas iranse estreando os demais episodios dunha serie que pretende "desacralizar e levar a contraria", explica o director.

"Levámoslles a contraria aos medios de comunicación porque non nos dan oco á xente nova. Ademais é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca mostrar unha muller que usa o idioma no seu día a día", enumera José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación da serie.

Presentación ante o estudantado

O vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e cinco protagonistas da serie e o seu director participaron na presentación decorrida no centro.

Foi un acto que contou coa asistencia do alumnado, o zume do que se nutre ‘Novas voces para a lingua’ a través de traballos fin de grao, titorizados dende a propia Facultade e que contan tamén co apoio da RAG en distintas fases da produción e da realización.

"Este acordo entre a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega", lembra Víctor F. Freixanes. 

Comentarios