A RAG recupera da Xunta o orzamento do ano pasado

Cultura repetirá o orzamento de 520.000 euros para o organismo que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. A RAG considera a cifra “insuficiente” mais agradece o xesto do goberno galego.
Reunión da RAG co goberno galego

“Os problemas da RAG teñen presenza no pobo”. Xosé Luís Méndez Ferrín fixo esta afirmación ao ver a morea de xornalistas que agardabamos o remate da reunión que mantivo co presidente da Xunta. Neste encontro, o primeiro deste ano entre ambas institucións, participaron ademais por parte do goberno galego Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Valentín García Gómez, secretario Xeral de Política Lingüística; por parte da RAG o seu secretario, Xosé Luís Axeitos, e o seu tesoureiro, Manuel González.

O acordo final recupera o orzamento do ano pasado, 520.000 euros, lonxe dos 800.000 euros que pedía a RAG mais algo superior dos 287.865 euros que anunciou días atrás o executivo galego. “É insuficiente mais é de agradecer este xesto”. Ferrín foi conciliador despois de que o conselleiro asegurara que esta cifra “é un punto de partida e aínda haberá máis reunións os vindeiros meses”. En todo caso o presidente da RAG asegurou que non haberá axustes entre @s traballador@s . Para complementar os ingresos Ferrín apostou pola creación dunha “asociación protectora da RAG” que debería partir de persoas alleas ao organismo.

A RAG precisaba 800 mil euros

O acordo final recupera o orzamento do ano pasado, 520.000 euros, lonxe dos 800.000 euros que pedía a RAG mais algo superior dos 287.865 euros

Ferrín, actual presidente da RAG, calcula que a Academia precisa ao redor de 800.000 euros para o seu bo funcionamento. Esta cifra ten en conta todas as actividades e o persoal funcionario que ten na actualidade esta entidade. A situación agravouse após que o goberno galego non compensase nos orzamentos do 2013 a redución da asignación nos Orzamentos Xerais do Estado. Segundo os orzamentos galegos a Consellería de Cultura concederá á RAG en 2013 a cantidade de 287.865 euros, uns 72.000 euros menos que o ano anterior.

Reunións anteriores

O ano pasado Xunta e RAG mantiveron varias reunións para tratar das dificultades económicas e dos recortes. No mes de abril coincidiron Feijóo e Ferrín días antes da celebración do Día das Letras galegas e daquela o xefe do executivo galego ofreceulle "a máxima colaboración" da Xunta para "o impulso á lingua e cultura galegas".

No mes de decembro a reunión foi con Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o presidente da RAG fixo unha "rebaixa" na solicitude económica que precisaría a institución para o 2013. Daquela a contestación do conselleiro foi que faría "un esforzo" para que a máxima institución de defensa do idioma galego contara cun orzamento "digno" e mantivera a súa actividade. Nestas xuntanzas a Xunta nunca chegou a falar de números concretos.

Comentarios