Como dicilo?

A que si?

e o non é
photo_camera E ou non é?

Supoñamos que unha persoa de fala francesa nos di, diante de algo que atopa bonito C’est joli! Non se nos ocorra apoialo coa pregunta:  A que oui? ou Verité? porque non entendería nada: deberiamos empregar n’est-ce pas (Oui, n’est-ce pas?) E para preguntarlle a alguén moi expresamente a  súa opinión sobre o manifestado utilizariamos tamén esa fórmula ou estoutra: pas vrai? (C’est joli, pas vrai?)

No correspondente exemplo en inglés, teríamos -creo- It’s nice, isn’t it?/ It’s nice, ain’t it?/ It’s nice, right?

Pensei nisto esoutro día ouvindo unha emisión da radio galega na que a locutora non cesaba de repetir a cada paso A que si? a canto afirmaba o entrevistado. Soaba pobre e pouco galego. Un simple calco do castelán.

Tampouco  -como apuntamos enriba- a pregunta verdade?/ verdade que si? (ou verdade que non? cando apoiamos unha negación) resulta un mecanismo válido pois trátase doutro calco (É bonito, verdade?/ verdade que si?).

En galego contamos con recursos propios e variados para confirmarmos ou apoiarmos  unha frase previamente manifestada por outra persoa ou por nós mesmos. Ou para pedirmos da persoa interlocutora confirmación do que nós aseguramos.

Fundamentalmente, o mecanismo galego vén sendo (igual que en francés ou en inglés, como se ve nos exemplos citados) a pregunta de que nos digan se o manifestado é certo ou non:

É bonito, non si? / É bonito, non é? / É bonito, non é certo? (ou n’é certo?)/ É bonito, non?

E cando pedimos confirmación e conformidade co que acabamos de dicir, que foi expresado dun xeito máis amplio e non cunha frase simple, a pregunta tradicional vén sendo: É ou non é? , o que equival a É así ou non é así/É certo ou non é certo ?

Arriscámonos ao desmentido, pero como di o refrán: quen pregunta non erra.

Preguntámoslles, logo, a lectoras e lectores : É ou non é ?

É tal.

Comentarios