Como dicilo?

A pré

Feira na Eira da Xoana
photo_camera Nas feiras é ben quedar a pré

É moi empregada en Galiza, mesmo falando en castelán, a locución a pré (estar a pré, quedar a pré, saír a pré) e úsase para sinalar un balance de igualdade entre dúas partes ou persoas: non haber perdas nin gaños. Diríamos que queda a pré alguén que lle paga a outra persoa a cantidade que lle debía, ou que lle volve un favor que lle fixera, ou lle fai como troco un servizo ao que se sentía obrigado.

A locución úsase moi raramente en España e cando se fai, faise maiormente cun sentido distinto. Así Miguel Delibes utílizaa (andar a pré / llegar a pré / quedar a pré) co significado de ‘sen diñeiro ningún’.

É moi probábel que estes dous sentidos contrarios procedan da mesma orixe : o francés prêt ‘préstamo, paga diaria dos soldados’, palabra que entrou en portugués e en español (e mais en galego) pronunciada pré. Xa en 1813 temos na nosa lingua constancia do sentido de ‘salario’.

O estar a pré / quedar a pré galego aludiría ao feito de ter recibido esa paga pendente, ese soldo ; viría sendo ‘estar pago, non ter débedas pendentes nin a recibir nin a satisfacer’. O español, pola contra, vería o asunto dende outro punto de vista, anterior a ese momento que non daba chegado : sería ‘estar sen cartos, pendente de recibir o soldo, o pré’. Falando da guerra carlista, un libro de 1869 afirmaba expresivamente : « …Sus denodados hijos se encuentran descalzos, sin pré ni vestuario… ». Dous puntos de vista opostos : en galego estar a pré (recibido) fronte ao español estar (a esperar) pré.

Para os galegos e galegas estar/quedar a pré ten no xogo, nas competicións deportivas, nas votacións, etc. un significado próximo ao do verbo empatar, producirse un empate, finalizar con igualdade no resultado. Por exemplo:

Na clasificación hai dous equipos empatados en cabeza

Nesa partida quedamos empatadas

O verbo empatar procede, ao parecer, do italiano impattare, onde ten o mesmo significado e desde onde pasou a outras linguas románicas como o catalán, o galegoportugués e o español.

No pasado, unha frase habitual nas liortas das romarías era Quen ma empata? é dicir ‘Quen ma iguala?’ coa que os mozos desafiaban aos outros a mediren a súa forza con eles.

Outro verbo galego empatar, significa ‘unir, prologar, encanar’ e tamén ‘enfiar’ e mais ‘prender os anzós nas liñas’. Nas Rías Baixas úsase embosar para ‘atar, empatar, dous cabos de corda’.

E ollo coa diferenza entre a familia de palabras deste segundo verbo e a do primeiro citado, porque no caso que nos ocupa botar un empate é o mesmo que botar un remendo.

Hai persoas que máis que faceren favores semella que fan investimentos para despois pasaren factura ou pretenderen presionar a quen os recibiu. Desa xentiña mellor é non recibirmos nada, ou, senón, volverllo decontadiño, como se desprende desta cantiga popular:

 

Favores que me fixeches

na cara mos vas botando;

favores non dan amores,

libre quedo en chos pagando.

 

A pré.

Comentarios