Como dicilo?

A navalla

navalha
photo_camera navalha

A nosa lingua ten un riquísimo fondo de frases feitas, expresións idiomáticas e refráns que se foron creando durante séculos. Mais, como o resto da nosa identidade,  ese tesouro lingüístico vese ameazado pola perda e a  deturpación. Empréganse arreo frases  mecanicamente traducidas do español  que mesmo aparecen publicadas en manuais e en traballos, co que, ante as persoas inxenuas ou simplemente descoñecedoras do propio, reciben carta de natureza.  Por exemplo:

Arrieiros somos e no camiño nos atoparemos

A advertencia ameazante da frase orixinal española (Arrieros somos y en el camino nos encontraremos) témola nos expresada dun xeito máis implícito e indirecto nunha advertencia moi galega : Has vir comer ! (na que sobreentendemos :  …e daquela xa verás como cho pago eu)

En galego non existe iso de Arrieiros somos… igual que en castelán  tampouco  ¡ Está buena la navaja ! nin ¡Me costó hierro y harina ! nin Tu quieres llegar y llenar ! Unha persoa non galega dificilmente entendería esas frases, e unha galega decataríase da trapallada. O mesmo acontecería se a alguén (en serio ou en broma) lle dicimos Guarda la navaja ! Para un galego ou unha galega,  Garda a navalla ! -esa eufónica  frase monovocálica e pentasilábica-  é unha arma de eficaz retranca.

a nosa fraseoloxía tradicional vai sendo arrombada polo desleixo e a ignorancia

Mais a nosa fraseoloxía tradicional vai sendo arrombada polo desleixo e a ignorancia. Pola contra, circulan arreo nos medios de comunicación galegos   frases  « novas » como  Anda a tirarlle os tellos  ou É a pescada que se morde o rabo. En bo galego diremos  Anda a lle facer as beiras e mais É a carioca que leva o rabo na boca

E a « adaptación » pode, ás veces, chegar ao ridículo, como por exemplo  o inventado Irse de rosiñas (« saír impune ») 

Naturalmente, as linguas constrúense con intercambios, mais non con asolagamentos. O galego tamén ten exportado locucións e frases feitas ao español. Sirvan de mostra  a coñecida Haberlas haylas, traducida do noso idioma, e outra máis que, curiosamente, se reproduce en galego (se cadra sen sabelo) : « Tarde piache ». Esta frase procede dun conto popular no que un mozo, que acaba de sorber un ovo crú, ao sentir cantar un pito pola tragadeira, sentencia co dito  Tarde piache ! é dicir  Demasiado tarde ! »

Non é tarde de máis para recuperarmos a riqueza da nosa fraseoloxía.

Comentarios