A Mesa pediulle á RAG "unha postura activa de defensa do galego"

Delegacións da Mesa pola Normalización Lingüística e a Real Academia Galega mantiveron unha reunión en que abordaron as recentes sentenzas sobre o decretazo contra o galego.

Carlos Callón e Susana Méndez, presidente e a vicepresidenta da Mesa, reuníronse con Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos, presidente e secretario da Academia, para abordaren as recentes sentenzas sobre o decretazo contra o galego que emitiu o TSXG e ambas as entidades coincidiron en avaliar esta norma como un “despropósito” e en pedir que “se derrogue canto antes”.

Carlos Callón reclamou da institución que teña “unha postura activa de defensa do galego", unha "seriedade á hora de estabelecer os referentes normativos" e que "colla forza asumindo a pluralidade da vida cultural galega", tamén no que di respecto á presenza de mulleres académicas.

A Mesa quere que a RAG "colla forza asumindo a pluralidade da vida cultural galega"

A RAG estuda recurso

A Real Academia Galega recibiu a pasada quinta a sentenza do recurso contencioso administrativo interposto pola RAG contra o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia, pola cal se anulan algúns artigos desa norma por seren contrarios a dereito. Segundo informan na súa páxina web os seus servizos xurídicos están a estudar e valorar esta sentenza coa idea de interpor o correspondente recurso de casación dentro do prazo de dez días computados desde o seguinte ao da súa notificación.

Comentarios