A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer públicas as queixas recibidas por parte de alumnado da UNED que viu “con abraio” como nos manuais e nos exames da materia 'Comunicación Oral y Escrita en Lengua Española II' recollíase unha listaxe de topónimos galegos nos que as formas xenuinas e oficiais “eran marcadas como incorrectas e se prescribía a súa substitución polas formas deturpadas en español”.
Segundo denuncia A Mesa, tanto nos exercicios como nos exames da materia, o alumnado vese obrigado a corrixir Ourense por *Orense, Arteixo por *Arteijo, Poio por *Poyo, O Carballiño por *Carballino ou Ponteareas por *Puenteareas, que son as formas sinaladas como 'correctas' no manual.
“Absurdo”
Alén diso, A Mesa denuncia que nese manual “dase a entender” que só as administracións deben respectar a legalidade no que aos topónimos se refire, diferenciando entre “uso oficial” e “uso xeral”: “Tan absurdo es oponerse a un uso aprobado por ley como pretender que tal uso se extienda por sistema a los ámbitos no oficiales”, sinalan neste libro da UNED, para despois criticar os medios de comunicación que respectan a legalidade.