A Mesa demanda o cesamento do responsábel de Normalización Lingüística no concello de Ferrol

Vilariño Anca, concelleiro encargado da área de normalización lingüística municipal de Ferrol, evita falar en galego e non exerce de modo correcto as súas competencias, segundo denuncia A Mesa que xa comezou unha campaña de sinaturas pedindo a súa demisión.

As dificultades que ten a lingua galega na súa supervivencia diaria a nivel institucional ten no concello Ferrol un expoñente da mala xestión na figura do concelleiro Vilariño Anca, responsábel da área de Normalización Lingüística municipal. A Mesa denunciou estes días que o concelleiro do PP "evita falar galego" nos plenos e non está a desenvolver ningunha política que defenda a nosa lingua. Segundo apuntan desde A Mesa incumpre a Lei de N.L. Lei 3/1983 Art. 6.4 da Administración Pública que indica que “a Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei” ademais da Ordenanza de N.L. Art. 1.1 que afirma que “o galego, como lingua propia da Galiza, é o idioma oficial do concello de Ferrol” ou o Art. 3.1 “as actuacións internas do concello faranse en galego”.

Para A Mesa a actitude deste concelleiro "erosiona a credibilidade da súa organización política, o PP"

Petición de cesamento
Diante desta situación desde A Mesa comezaron unha campaña de recollida de sinaturas na que solicitan o "cesamento nas funcións de responsábel da área de Normalización Lingüística". Para esta organización a actitude deste concelleiro "erosiona a credibilidade da súa organización política, o PP" posto que Vilariño Anca "asumiu a responsabilidade de impulsar as políticas de normalización do galego no concello de Ferrol" e mesmo renuncia en público a exercer esta función.

Comentarios