Palabras con memoria

A lingua tamén come

Obradoiro cociña
photo_camera Na cociña tamén hai palabras con memoria

arrocho.- (Á marxe de significados máis comúns) Parte da empanada onde se xuntan a masa da parte de abaixo coa de arriba formando unha especie de rolo.

Exemplo: “Non me gusta o arrocho da empanada, que non ten zaragallada.”
Lugar de escoita.- Santiago de Compostela.
Fonte.- Ana Rial.

Outros apuntamentos: Cómpre informar que hai autoras/es que nos seus dicionarios fan constar esta palabra só como definidora do curuto no que remata o molete.

azalgar.- Úsase co significado de fartar.

Exemplo: “Logo de comer dous pratos, dixo que xa se ía azalgando.”
Lugar de escoita.- Allariz (Rodicio de Seoane, Seoane, Torre, Pumares...).
Fonte.- Celso Domínguez.

caldarruada.- Guiso mal feito.

Exemplo: “Comemos moi mal onte no comedor, déronnos unha caldarruada de peixe.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.

calloubeira.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise do caldo cando se fai apurado e de calquera maneira. Caldufada.

Lugar de escoita.- Zona de Meira (Lugo).
Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.
Outros apuntamentos: Polo xeral calloubeiro/a aplícase ao mal cociñeiro/a que fai calloubadas ou caldufadas ou caldoadas, pero polo que se ve na zona referida é o resultado o que recibe ese nome. 

merenda.- (Ademais de significados obvios) Filloa feita na tixola.

Exemplo: “Fixo unhas merendas para cear.”
Lugar de escoita.- Tordoia (A Coruña).
Fonte.- Xosé Manuel Pose García.

vexiga.- Doce tópico do Entroido en Sober. Está feito con pan, ovos, leite, azúcar, manteiga e, ás veces, pasas.

Exemplo: “Está na cociña facendo a vexiga.”
Lugar de escoita.- Sober.
Fonte.- Ramón Sandoval.
Outros apuntamentos: Tamén se lle chama enchido ou tripón.
 

Comentarios