A lingua galega vista por catro estudantes estranxeir@s dos cursos de verán

Este ano desenvólvese en Compostela a XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeir@s, con participantes de 24 países. Unha pequena representación visitou a nosa redacción, onde falamos de lingua e cultura galegas.
María Jesús, Marina, Sara e Christian, estudantes de galego nos Cursos de Verán
photo_camera María Jesús, Marina, Sara e Christian, estudantes de galego nos Cursos de Verán

Polos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeir@s, organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pasaron arredor de 2.400 persoas de moi diversos países de todo o mundo ao logo dos seus 25 anos de existencia.

Na edición deste ano asisten ás aulas, até o 27 de xullo, 86 alumnas a alumnos procedentes de 24 países de Europa, América e Asia. Con certa curiosidade, quixemos saber que pensan e como ven a situación da lingua e a cultura galegas catro estudantes que convidamos a visitar a nosa redacción. Son Sara (Inglaterra), Marina (Rusia), María Jesús (Estado español) e Cristian (Alemaña). Teñen en común, ademais dun profundo amor pola lingua de Castelao, que levan varios anos en contacto cos cursos e máis que comparten aulas no nivel superior.


Primeira experiencia co galego
O feito de chegaren a Galiza non supuxo para estas persoas a súa primeira experiencia co galego, ou, mellor dito, co que coñeceron do noso país antes de se achegaren a estes cursos. Poden parecer tópicos mais están aí. “Da Galiza coñecía algo da súa gastronomía, do clima... do carácter da xente galega”, comeza María Jesús, antropóloga estremeña de Cáceres. “Sodes persoas a longo prazo”, asegura sinalando algúns exemplos de amizades que duran no tempo. Nos casos de Cristian e Marina, o traballo nas súas respectivas universidades facilitou dalgún xeito ter algunha información. “Contáronme que era a fin de mundo no Imperio romano e algo sobre o Camiño de Santiago”, di Marina, “mais sorprendeume o clima”, sinala en referencia á información de 'sol e praia' que vende a publicidade do turismo español. Unha experiencia diferente foi para Cristian cando escoitou a palabra “galego” no seu paso por Cuba. “Para min a primeira referencia sobre Galiza foi cos chistes sobre galegos”, apunta Cristian, “mais a imaxe que teñen non me impediu achegarme á verdadeira que descubrín aquí”, engade.

María Jesús: “Ler a Curros Enriquez. Descubrín a literatura galega e teño boas sensacións con este autor”

Sara, desde Inglaterra, recoñece que non tiña información posto que non chegaba “case nada” ao seu país. “E agora coa campaña con erros ortográficos que fai a Xunta...”. No instituto estudou español e a súa nai teimou para que fixese unha viaxe e poder practicar o idioma. “Ela coñecía Andalucía mais eu rematei por preguntarlle a miña profesora, sabía que era mellor non ir a lugares como Catalunya para aprender castelán mais non me deron información da Galiza”.

Sara: “A película 'Crebinsky'. Está en varios idiomas mais gustoume moito como cine galego. Tamén unha curtametraxe de Peque Varela que se chama 'Gato encerrado'”


Embaixador@s da cultura galega
Se a información que se ten do noso país é tan escasa, propuxémoslles que achegasen ideas para mudaren esta situación, tendo en conta que Galiza non creou centros de difusión da lingua e a cultura galegas no exterior, como si teñen Catalunya ou o Estado español. “Eu faría varias xornadas de sensibilización sobre a realidade galega co apoio da Universidade”, propón María Jesús. “Na miña terra hai moitos espazos culturais que se poderían empregar”, engade. Marina e Cristian partillan esta idea. “Eu penso dar clases de galego na Universidade de Moscova, en filoloxía hai moito interese en aprender novas linguas”, informa Marina. Aínda así, Cristian pensa que vai ser difícil interesar unha gran parte da poboación que non estea relacionada dalgún xeito cos estudos lingüísticos.

Marina: “'Erros e Tánatos' de Gonzalo Navaza foi o libro que máis me entusiasmou, relatos sobre amor e morte”. 

Entre as ideas máis singulares está a de Sara, que empregaría o cine galego como canle de comunicación para o gran público que non coñece a nosa cultura. “Onde vivo eu hai un cine que proxecta ciclos de cine de todo o mundo e a xente vai. Fixeron ciclos de cine en éuscaro, catalán e dixéronme que foi difícil atopar en galego. Despois hai que escoller o cine de calidade, non só polo feito de estar en galego, senón por estar en galego e ser de calidade. Cando vin 'Mar adentro' ou 'A lingua das bolboretas' non sabía que se gravaron aquí, por exemplo”.

Christian: “Recomendo Milladoiro. En Alemaña gusta este tipo de música”


A lingua galega hoxe
“Eu tento falar galego na rúa e a xente decátase de que son española e algunhas fálanme en castelán malia que eu continúo falando en galego”, asegura María Jesús. “O castelán debería ser a segunda opción”, engade. A mesma experiencia conta o resto de estudantes, aínda que con exemplos algo diferentes. “Hai xente que fala galego e non fala castelán, mais observei que hai outra xente que comigo comezan a falar sempre en castelán”, asegura Marina. Despois de varios anos de visitas a Galiza, mesmo de vivir un tempo aquí, comentan o maior ou menor emprego do noso idioma segundo a idade da persoa falante ou se estamos nunha cidade ou nunha vila. “Está a cambiar o de que se fala menos galego nas cidades que nas vilas”, pensa Cristian. A súa análise é positiva e esperanzadora. “Os estudos de galego están restrinxidos a xente con conciencia do ámbito universitario, mais o futuro é prometedor posto que esa xente vai producir traballos que potenciarán o emprego da lingua galega”.


En poucos días rematará o curso e volverán aos seus países. María Jesús non, pensa quedar a vivir aquí. “Foi unha decisión que tomei xa en 2008, a primeira vez”. Sara, Cristian e Marina continuarán en contacto con Compostela e Galiza, mesmo non descartan asistir outro ano máis a estes cursos de verán.






Comentarios