A Eurocámara lembra ao Estado español que o galego ten "idéntico estatus" na educación que o español

BNG votou a favor do informe Educación, Formación e Europa 2020, onde se solicita aos estados que "non utilicen" a crise como "argumento" para reducir investimentos en educación e destaca a importancia do multilingüismo

Ana Miranda, eurodeputada do BNG en Bruxelas, incidiu en que o informe aprobado na Eurocámara supón o apoio explícito do Parlamento da UE a que os estados "fomenten desde a infancia a adquisición de competencias naquelas linguas cooficiais da UE, -como é o caso do galego, éuscaro ou catalán-, dando a estes idiomas o mesmo estatus do que disfrutan o español ou o francés"-.

Estas recomendacións,afirma Miranda, "van en dirección contraria aos recortes na educación pública que está levando a cabo o PP no goberno de Galiza, e tamén contradín a política da Xunta de recortar o peso do galego no sistema educativo. Para o Parlamento europeo, as linguas cooficiais son unha riqueza que se debe fomentar con apoio económico e político".

"Non se pode usar a crise como coartada para reducir o investimento en educación, formación, investigación e innovación, así como a diversidade cultural e lingüística. Por contra, as medidas de pretendida austeridade e os recortes orzamentarios poñen en perigo un dos piares da cohesión: as políticas baseadas no coñecemento",sintetiza a representante nacionalista na UE.

A Eurocámara recoñeceu a importancia de mellorar a educación e a aprendizaxe ao longo de toda a vida "o que facilitará a recuperación económica".

Comentarios