A empresa Imaxin-Software gaña o Premio Leixaprén 2012 polo uso cotián do galego

A empresa compostelá, dedicada ao desenvolvemento de programas informáticos, resultou a máis votada polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino polo uso cotián que fai da lingua galega.
Os premios Leixaprén recoñecen o uso do galego
photo_camera Os premios Leixaprén recoñecen o uso do galego

Durante o presente curso a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) asumiu a coordinación do histórico Premio Leixaprén que se vén organizando desde 1999 co obxectivo de galardoar, desde o ensino, persoas, entidades ou institucións que se caracterizan polo uso normalizado da lingua galega.

A principio deste curso escolar creouse un comité de selección para que presentase candidaturas caracterizadas por unha defensa activa da lingua galega e que tivesen unha especial incidencia social, quer pola súa continuidade e eficacia ao longo do tempo quer pola exploración de novas vías para a normalización do idioma. Desta maneira, tendo en conta o carácter emprendedor e empresarial da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, decidiuse que o ámbito de actuación nesta edición fose o mundo da empresa. O comité de selección propuxo as seguintes candidaturas: Imaxin-Software, R Telecomunicacións, Alimentos Amorodo, Martín Códax e Seguridade A-1.

O xuri do premio estivo formado por membros dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino que durante un mes puideron exercer o seu dereito a voto. Despois de facer o reconto de votos, a empresa gañadora foi Imaxin Software. A entrega do Premio Leixaprén 2012 será o vindeiro sábado 26 de maio nun xantar que se realizará no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela e o galardón consistirá nunha figura alegórica do artista Álvaro Negro.

"Desde a CGENDL querémoslle dar os parabéns públicos a todas as empresas finalistas neste premio, e tamén a todas aquelas, que, malia a implantación de prexuízos e a desprotección social da nosa lingua que se está a practicar desde o poder autonómico, manteñen a dignidade de empregar a lingua propia dos galegos".

Comentarios