A campaña da Xunta 'Cómete o mar' suscita polémica por non coidar a lingua

“Cómete o mar” é o lema da nova campaña publicitaria que presentaron a conselleira do Mar, Rosa Quintana e a directora de Turismo, Nava Castro. As queixas pola desfeita lingüística arrecian e demandan do goberno galego un maior coidado no uso do idioma. 

Cómete o mar
photo_camera Cómete o mar

“O mar cómete a ti ou é que traduciron directamente do castelán cómete el mar?” . Este, de César Galdo, é un dos moitos comentarios que se repetiron nas redes sociais entre o abraio e o enfado pola desfeita lingüística que avala a propia Xunta de Galicia. 

A campaña que ten como fin promocionar o turismo da costa, en especial bares e restaurantes, contou co aval  máximo do goberno galego e estivo presentada pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana máis a directora de Turismo, Nava Castro. “Tras o éxito de 'leite galega' chega 'cómete o mar'. Non hai en toda a Xunta alguén que saiba falar e escribir en galego?” reza outro dos comentarios, vía a lingüista Dores S. Alegre, que fai fincapé na repetición do maltrato a lingua en campañas que, en principio, están pensadas para a promoción do país. 

O próximo? Cómeteo

“Ata cando imos permitir estas aldraxes á nosa lingua?” apunta Iría Mariño para, a seguir, o presidente da CTNL, Nel Vidal esixir da Xunta e en especial da Secretaría Xeral de Política Lingüística a corrección inmediata do lema da campaña. “O desleixo lingüístico da Xunta na comunicación é publicidade é tremendo. Supoño que Valentín García Gómez e Política Lingüística xa están ao tanto para paralizala e para que lle cambien o lema” defende Nel Vidal. 

“Cómete o mar. En serio? E que será o próximo? Substituír “o mar” por un pronome e poñer “Cómeteo”?” sinala Navia Rivas que non oculta no twitter un malestar que está a ser compartido nas redes sociais. 

O xornalista César Lorenzo Gil, que mantén un blog de dúbidas do galego sentenza que “o desleixo nace da estratexia de devolver o galego ao ámbito familiar, silencioso, cómodo para o poder”. 

Comentarios