A AIEG censura as políticas do PP contra a lingua e a cultura: ''Foinos eticamente imposíbel ficar calados''

O presidente da Asociación internacional de estudos galegos, Craig Patterson, repasou os ''intentos infrutuosos'' de selar acordos de colaboración coa Xunta de Feijóo durante o trienio da lexislatura

"Foinos eticamente imposíbel ficar calados". Así de taxativo se manifestou Craig Patterson, presidente da Asociación internacional de estudos galegos --AIEG--, que pecha mandato --2009 a 2012-- cun informe ao redor da situación da nosa lingua neses tres anos, cadrando xustamente co paso do PP de Feijóo pola Xunta.

Se ben enfatizou a "boa saúde" de que gozan os ámbitos en que se analiza a realidade galega polo mundo adiante, Patterson manifestou publicamente o seu malestar da entidade coas políticas lingüísticas e culturais emprendidas pola dereita na Galiza. "Non tivemos máis remedio, dadas esas circunstancias tan prexudicais para a lingua, cultura e a realidade galegas", subliñou.

Na décima Asemblea xeral de soci@s da entidade e perante 150 investigadoras e investigadores de todo o planeta, Patterson repasou os "intentos infrutuosos" de selar acordos de colaboración, concretados en diversas xuntanzas co Secretario xeral de política lingüística e co Director xeral de creación e difusión da cultura. "Como xestores da única asociación de estudos galegos no mundo, tocounos vivir un periodo negativo, tanto económico como político", valorou, respecto da relación entre a Asociación e as institucións oficiais neste trienio.

Comentarios