Un total de 13.500 euros máis ocusto do xuízo. Esta é a petición da acusación para Carlos Callón no xuízo pola lingua que esta sexta se realizou na Coruña. O presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, estaba imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado a quen foi xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, o seu incumprimento da Lei de Normalización lingüística ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña". Na Mesa denuncian que se trata de máis un xuízo "cara á criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma".
Á saída do xuízo, Callón cualificou a petición da acusación de "disparatada", ironizando con que agardaba que non o denunciasen por esta afirmación. Para o presidente da MNL, o xuízo pode ser cualificado de "entre kafkiano e unha comedia de situación", posto que así debe denominarse que un maxistrado denunciase sucesivamente tres persoas (un vceciño da Coruña, o parlamentar do BNG Carlos Aymerich e o propio Callón) por remendarlle que defendese o uso do topónimo deturpado de La Coruña.
Calos Callón mostrou a súa confianza en que o caso sexa arquivado e instou o goberno galego a que tome nota do sucedido nesta sexta, cun xuízo a un cidadán galego por defender o uso do topónimo legal.
Máis casos
Perante este proceso, a Mesa, quen xa se pronunciara contra o "disparate arrepiante" de solicitar 45 anos de cadea para @s cidadá(n)s galeg@s xulgad@s pola contramanifestación do 8 de febreiro de 2009, reclamou agora o cesamento "da caza de bruxas contra o galego" e fai un chamamento para que a Xustiza "garanta o dereito a usar e recibir información na lingua propia do país". Na liña, informou Carlos Callón que, a pesar das reiteradas queixas, as citacións que recibiu para a vista "fanse excluíndo totalmente a lingua escollida polo denunciando".