19 concellos participan na campaña a prol do galego "É túa. Pásaa!

Música e webserie enriquecen a iniciativa de Alingua.
alingua

Vilagarcía acolleu onte a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, a asociación de entidades locais pola lingua galega, que está integrada agora por 19 concellos após se sumar o de Carballo. Entre as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano está a campaña É túa. Pásaa!. Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe, unha chamada ao uso do galego.

A canción que pon banda sonora a esta iniciativa está interpretada por Fátima Pego, cantante da Panorama e presentadora da TVG, e Grande Amore, un dos protagonistas da escena musical galega. Un tema que convida a coidar a lingua mais, sobre todo, convida a falala. 

Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visíbel o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso.

O gran reto

Ademais, no mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días.

 A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia nesta transición lingüística. Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os vindeiros meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.

Alingua fórmana A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago, Teo e Vilagarcía, e a Deputación de Pontevedra.

Comentarios