O 76% dos centros de ensino das cidades imparten o ensino infantil maioritaria ou exclusivamente en castelán

A Mesa realizou unha enquisa en 941 centros de toda Galiza sobre a lingua galega na educación infantil de 3 a 6 anos. En Ferrol, Compostela, A Coruña ou Ourense aumenta de forma significativa o número de centros que admiten que exclúen completamente o galego da docencia. 

crianzas

O galego continúa á marxe no ensino infantil de Galiza. Un estudio da Mesa pola Normalización Lingüística (‘A lingua galega na educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos’) sinala como se manteñen e acrecentan dinámicas de vello, como o aumento do uso do castelán e relegación do galego as medida que os colexios son de carácter máis urbano e teñen un maior número de alumnado.

O estudio realizouse no primeiro trimestre do curso 2016/17 nun total de 941 centros de ensino, tanto públicos como privados. Contén un dato, achegado polo propio profesorado a unha pregunta aberta, preocupante: recoñecen que nos últimos 5-10 anos acentuouse a caída no uso do galego entre as persoas máis novas que non teñen ningún contacto co idioma. Para elas, indícase no informe, “o galego é como unha lingua estranxeira”. Ao tempo, dase un “deterioro” das competencias para poder expresarse en galego por parte das nenas e nenos.

Cidades

O 76% dos centros de ensino das sete principais cidades de Galiza realizan o primeiro ensino exclusiva (38,6%) ou maioritariamente (33,3%) en castelán. Que opten por metade e metade, menos do 20%. E centros nos que o galego sexa maioritario, apenas o 8,54%. Hai neste último apartado un leve aumento mais o dato significativo é que “en Ferrol, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago aumenta significativamente o número de centros que non teñen reparo en admitir que exclúen completamente o galego da docencia”.

Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “ este estudo que facemos suple unha acción que a Xunta está obrigada a facer segundo o seu propio decreto”. Ademais das horas dedicadas a cada lingua, durante o proceso de enquisas preguntouse sobre os materiais se usan no desenvolvemento educativo e en que idioma están estes materiais.  Destaca a escasa de materias en galego fronte a materias didácticos en castelán e inglés. Tamén o agravio comparativo que supón que os materiais en galego teñan que ser elaborados polo propio profesorado fronte á grade cantidade de recursos en castelán e inglés.

A fondo

Para levar a cabo este estudio, dividiuse as poboacións en 5 tramos: Até 5.000 habitantes; de 5.000 a 10.000 habitantes; de 10.000 a 20.000 habitantes; de 20.000 a 50.000 habitantes; e máis de 50.000 habitantes. O informe destaca como vai minguando a presenza do galego a medida que os municipios son máis urbanos e poboados. Así, nos centros daqueles concellos de até 5.000 habitantes (o 16% da poboación) o 64% das aulas son maioritariamente en galego por un 25% en castelán. Mais nos municipios de 10.000 a 20.000 habitantes a presenza exclusiva ou maioritaria do español está xa no 51%, porcentaxe que pasa ser de case o 60% nos concellos entre 20.000 e 50.000.

Derrogación

O presidente da Mesa afirma que “a situación actual é negativa para o galego, a exclusión do idioma está aumentando exponencialmente e non garante para o alumnado a adquisión de competencias para utilizar a lingua galega”. Para Maceira “a  solución inmediata pasa pola derrogación do decreto do, mal chamado, plurilingüismo xa que as competencias do galego son as máis baixas da historia”. “A Xunta actúa ao revés do que faría se tivese un mínimo de preocupación polo futuro do noso idioma, roubándolle a lingua ás crianzas galegas ”.           

Comentarios