47 comunidades lingüísticas de Europa danse cita en Compostela

O Museo do Pobo Galego acollerá os días 12 e 13 deste mes a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN).
 

 

ELEN_Dublin
photo_camera Fotografía da última Asamblea Xeral celebrada de modo presencial, en Dublín

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollerá os días 12 e 13 deste mes a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), na que participarán de maneira presencial 35 delegadas e delegados en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos e que contará coa presenza virtual de Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

A Asamblea Xeral de ELEN, que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística, contará na súa sesión inaugural, o 12 de novembro, coa actuación de Guadi Galego e coa presenza de personalidades da Galiza e mais do resto de Europa, como Vesna Crnić-Grotić, presidenta do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias.

O secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, agradece a colaboración da Universidade de Santiago e do Museo do Pobo Galego na celebración da Asamblea Xeral en Galiza, "un país cun amplo movemento social que loita pola súa lingua e cunha entidade social de importancia vital como A Mesa pola Normalización Lingüística".

As delegadas e delegados de ELEN tratarán, entre outros temas, a cuestión do galego, do euskara e do catalán na Lei do Audiovisual do Estado español; a crise en Francia despois da sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac, que socava a inmersión lingüística na educación, e a apelación presentada ao respecto por ELEN perante a ONU; a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e cando chegará ao Parlamento británico; e o fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, nacional, estatal, europeo e internacional.

Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO.

Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

Comentarios