2.000 estudantes móllanse polo galego en Compostela nun 'Correlingua' sen apoio do Concello

Rapazas e rapaces de 25 centros da contorna participaron nesta actividade reivindicativa a prol da nosa lingua que por primeira vez, desde os seus inicios hai 13 anos, non contou coa colaboración da Cámara municipal
Imaxe cedida pola organización
photo_camera Imaxe cedida pola organización

O Correlingua, a carreira pola nosa lingua, chegou nesta segunda feira a Compostela. A pesar da chuvia, máis de 2.000 rapazas e rapaces participaron nesta actividade lúdico-educativa de reivindicación do galego organizada pola AS-PG --Asociación Socio-Pedagóxica Galega--, a CIG, a Mesa pola Normalización e os concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo que xuntou na capital galega alumnado procedente de 25 centros de Primaria e Secundaria das comarcas próximas.

“Queremos agradecer a participación do alumnado e a colaboración dos centros que queren berrar e cantar o amor a nosa lingua aínda que chova”, explica o docente do IES Lamas de Abade, Xepe Torres, coordinador do Correlingua en Compostela. Na festa final da carreira pola lingua, que se celebrou na Praza da Quintana, o alumnado do CPI de Pontecesures foi o encargado de ler o manifesto da súa propia autoría, e que foi o gañador nesta edición. No acto, que contou coa animación da charanga do IES Antón Fraguas, participaron tamén a actriz Iria Sobrado e o grupo gañador do concurso musical Cantalingua 2012, Xenderal.

Sen a colaboración do Concello de Compostela
A organización tamén lamenta a falta de apoio do Concello de Santiago de Compostela, que este ano retirou a axuda económica e loxística, entre a que se atopaba o uso dalgunha instalación municipal cuberta. Nesta liña, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino --unha das entidades organizadoras-- aproveitou para denunciar a actitude da Cámara municipal que, coa retirada do seu apoio, fixo que “os rapaces e rapazas, nunca mellor dito, se mollen pola lingua".

Ademais, o actual alcalde, Angel Currás pretendeu censurar o manifesto elaborado polo alumnado na medida en que non gostaba del porque dicía que "tiñamos un idioma propio e tiñamos que usalo”, lembrou Louzao. É o primeiro ano que o Concello compostelán non colabora con esta actividade reivindicativa --desde os seus inicios hai 13 anos--, pese a que o seu Plan Xeral de Normalización Lingüística recoñece, por unanimidade dos grupos, a súa importancia na dinamización do galego.

Comentarios