Un 17M polo presente do galego

A plataforma Queremos Galego convoca mobilizacións este domingo nas sete cidades galegas e Ribadeo para reivindicar a nosa lingua “malia as dificultades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nela con absoluta normalidade”.

Queremos Galego
photo_camera Queremos Galego


“Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo”. A plataforma cidadá Queremos Galego chama a unha gran mobilización pola nosa lingua este 17 de maio, Día das Letras Galegas. 

Queremos Galego reivindica a importancia e vixencia do idioma “malia as dificultades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade”. A plataforma asegura que nin o 'decretazo' contra o galego, ni as reformas institucionais, nin a toponimia deturpada, nin o desleixo da Xunta, acabarán coa lingua mentres siga viva na sociedade.

“O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego”, aseguran no manifesto de convocatoria.

As mobilizacións de Queremos Galego partirán este domingo ás 12 horas desde os seguintes puntos:

Vigo: Cruce da Vía Norte con Urzaiz.

Santiago de Compostela: Praza das Pratarías.

Ferrol: Praza do Cruceiro (Canido).

A Coruña: Diante do Teatro Rosalía (Rego da Auga).

Pontevedra: Praza da Peregrina.

Lugo:11.30 Praza Maior.

Ribadeo: Catro Rúas.

Ourense: Praza da Imprenta.

Comentarios