17 de maio: manifestación de Queremos Galego contra o “155 lingüístico” do goberno de Feixóo

‘En galego día a día’, lema da mobilización, na que se reivindicará o compromiso e esforzo de miles de persoas e colectivos paranormalizar a lingua.

queremos galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por máis de 500 colectivos sociais, anunciou esta segunda feira  a convocatoria dunha manifestación nacional para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema “En galego día a día”. A mobilización partirá ás 12:00 horas da alameda de Santiago de Compostela.

Queremos Galego reivindicará e poñerá en valor con esta mobilización o día a día das persoas  e colectivos que fan que a lingua viva. “É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta e coa mobilización diaria consegue avances”, manifestou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, que presentou os actos do 17M acompañado de representantes da xestora.

Co lema ‘En galego día a día’ a plataforma cidadá indica que pretende reivindicar o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galiza, á que acusa manter “un 155 lingüístico de facto”.  “O  155  de Feixóo anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego, e polo tanto todos os artigos ao respecto do Estatuto, a LNL,  ou acordos parlamentares unánimes como o PXNLG. En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”. Afirmou o portavoz de QG, que incidiu en que é o compromiso e mobilización social o que está a conseguir aanzos para o idioma.  Como exemplo citou as compañías de seguros que comezan a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego; compañías de telefonía móbil que se obrigadas a rectificar anuncios de desaparición das opcións en galego; ou transnacionais que modificaron regulamentos internos que impedían o uso do galego, “non porque actúe a administración senón por acción da sociedade”.

Ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolveranse diversos actos nas comarcas galegas para informar da convocatoria. Na web www.queremosgalego.gal  indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela.

Comentarios